O Bloque acusa a PSOE e PP de converter o Concello de Vigo en axencia de viaxes e inmobiliaria
O grupo municipal nacionalista visitou os pisos de República Arxentina que populares e socialistas rexeitaron dedicar a vivendas sociais
Vigo, 24 de abril de 2014.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, acusou a PP e PSOE de facer do Concello de Vigo nunha axencia de viaxes e nunha inmobiliaria para vender billetes de avión e pisos, en lugar de traballar para dar resposta ás necesidades dos vigueses e as viguesas. Subliñouno así nunha visita que fixo o grupo municipal do Bloque a un dos 40 pisos que populares e socialistas pretenden vender en virtude do pacto ao que chegaron recentemente.
Estamos nun piso de dúas habitacións, cociña, salón e baño que podería ser perfectamente unha vivenda para que vivise unha muller desafiuzada cos seus fillos, destacou Iolanda Veloso durante a visita, ao tempo que resaltou que estes pisos serían unha ferramenta moi importante para as familias sen recursos e que están sendo desafiuzadas e porén están sendo visitados por persoas que poderán optar a unha poxa.
A voceira nacionalista salientou a total oposición do BNG a esta decisión acadada entre PP e PSOE e asemade criticou a pelexa que manteñen pola paternidade da idea. En calquera caso non nos sorprende que esta sexa unha proposta dos populares, xa que o PP está desafiuzando as persoas que ocupan os pisos propiedade da Xunta, manifestou.
Poderíamos contar con 40 vivendas sociais e pola contra PP e PSOE queren malvendelas en lugar de garantir o dereito á vivenda, subliñou Iolanda Veloso, quen apuntou que o alcalde nunca manifestou o máis mínimo interese por dedicalas a uso social. Lembrou asemade que no pasado pleno tanto PP como PSOE votaron en contra da proposta do BNG que defendía este uso, tendo en conta que no 2013 se produciron 530 desafiuzamentos.
Dificultades na venda
Por outro lado, a voceira nacionalista alertou de dificultades para a venda dos pisos tal e como está actualmente o mercado inmobiliario. Preguntada ao respecto sobre que pasará no caso de que as vendas non se produzan sinalou que se trata dunha incógnita, e que en calquera caso a decisión está en mans do pacto entre PP e PSOE. Nos nos vale o que di o PP de que a posible venda destes pisos servirá para desbloquear asuntos importantes como a Cidade da Xustiza. Hai moitas familias que teñen unha idea clara de que se podería facer con eles, manifestou Iolanda Veloso nesta liña.
Explicacións do acordo
A portavoz municipal do BNG recordou que a posta á venda destes pisos se realiza en virtude do acordo entre PP e PSOE para os orzamentos municipais. Non entendemos que queren con este acordo de profundo calado neste Concello, comentou en resposta aos medios sobre a súa orixe. Considerou que tanto PP como PSOE terán que explicar o seu cambio de postura. A respecto dos populares indicou que deberán explicar se xa esqueceron os incumprimentos que tanto criticaron. Seguimos preguntándonos que pasou.
Críticas ao BNG
Preguntadas polas continuas críticas do alcalde á postura do Bloque, Iolanda Veloso manifestou que se trata de críticas sen dar argumentos políticos. Ao seu xuízo dedícase a cousas que están fóra de lugar que nós non imos comentar porque nos parecen ridículas e pola contra debería explicar por que asume e aplica as políticas de recortes e privatizadoras do Partido Popular.