Iolanda Veloso: “Hoxe o alcalde consumou que asume as políticas de recortes e privatizadoras do PP”

Iolanda Veloso: “Hoxe o alcalde consumou que asume as políticas de recortes e privatizadoras do PP”

A portavoz nacionalista salientou que a emenda do BNG á totalidade dos orzamentos foi rexeitada por ser “unha posición política”

 

OLYMPUS DIGITAL CAMERAVigo, 22 de abril de 2014.- A portavoz municipal nacionalista, Iolanda Veloso, destacou que na comisión de Economía e Facenda celebrada esta mañá o goberno local obtivo o respaldo dos populares ao proxecto de orzamentos para 2014, consumándose así a coincidencia de criterios de PP e PSOE. Pola súa banda, sobre a emenda á totalidade presentada polo BNG, segundo consta no expediente correspondente, o interventor interventor considera que “hai que considerala como unha posición política que terá o debate que corresponda”.

“Os orzamentos están elaborados a partir das posicións políticas de PP e PSOE e a posición do BNG é totalmente contraria e así o reflexamos na nosa emenda”, subliñou Iolanda Veloso. Esta coincidencia política traduciuse na comisión informativa desta mañá, na que tanto PP como PSOE aprobaron inicialmente o proxecto de orzamentos, mentres que o Bloque se abstivo.

Para a voceira nacionalista esta coincidencia política no proxecto de orzamentos provoca o recorte de servizos sociais, de xeito que non se van atender axeitadamente as necesidades básicas para a cidadanía. Segundo destacou, o documento aprobado na comisión “vai servir para asumir as competencias das outras administracións gobernadas polo PP e reforzan as privatizacións”.

Exemplos de privatizacións

Neste sentido, e en resposta aos medios, Iolanda Veloso destacou que exemplo desa política privatizadora é o que acontece co centro cívico de Teis. “Este centro estaba xestionado pola veciñanza e agora acaban de ser expulsados para que o xestione unha empresa privada”, sinalou a voceira municipal, quen tamén fixo referencia á eliminación dos organismos autónomos e a conseguinte “incógnita da súa xestión”.

“Sempre dixemos que nunca iamos deixar que en Vigo gobernase o PP e agora é o alcalde do PSOE quen aplica as políticas de recortes na nosa cidade”, criticou a portavoz nacionalista, quen apuntou asemade que os populares non presentaron ningunha emenda ao proxecto de orzamentos.

Razóns técnicas

Iolanda Veloso sinalou que o informe do interventor supón que en principio non se acepta a emenda do BN desde un punto de vista técnico, polo que non corresponde a súa votación. “Pero posto que a cualifica como posición política e di que terá o debate que corresponda, será o alcalde quen decidirá se se debate ou non”, explicou.

Preguntada polos medios, a voceira nacionalista aclarou ademais que no pleno, de non aceptarse o debate da moción, o BNG votará en contra dos orzamentos municipais.

 

Iolanda Veloso: “Hoxe o alcalde consumou que asume as políticas de recortes e privatizadoras do PP”