O Bloque apoia as xustas reivindicacións da plantilla de Pórtico para evitar o peche da empresa
Xabier Alonso participou esta mañá na concentración de protesta que desenvolveron traballadores e traballadoras na Praza do Rei
Vigo, 5 de xuño de 2014.- O concelleiro nacionalista, Xabier Alonso, expresou o respaldo do BNG ás xustas reivindicacións dos traballadores e traballadoras de Pórtico que buscan evitar o peche da empresa viguesa. Destacouno así tras a súa participación na protesta que tivo lugar na praza do Rei, antes de saír en manifestación cara á delegación da Xunta.
Lamentamos que unha empresa radicada en Vigo estea a piques de pechar pola falta de compromiso do Fogasa coas compañías que xeran emprego en Galiza, salientou Xabier Alonso, quen criticou que a empresa teña que pechar se o Fondo de Garantía Salarial non garante as indemnizacións e os salarios pendentes antes de mediados deste mes de xuño.
Segundo denunciou o edil do Bloque, 110 persoas irán á rúa se a Xunta e o Ministerio a través do Fogasa non buscan unha vía de saía á situación da empresa. Esta situación non é nova, e nestes anos estamos vendo como o PP nas administracións que goberna non fai o máis mínimo esforzo por salvar os postos de traballo, manifestou.
Xabier Alonso criticou asemade que precisamente sexa un organismo público estatal o que pon impedimentos a continuidade da empresa. Non é de recibo que o Fogasa poña máis atrancos no camiño despois de que a compañía puxo como avais varias propiedades e os traballadores e traballadoras aceptaron baixadas do soldo e un ERE temporal e outro de extinción, asegurou.