O BNG reclama o recoñecemento do dereito a decidir dos pobos que conforman o Estado español

O BNG reclama o recoñecemento do dereito a decidir dos pobos que conforman o Estado español

Iolanda Veloso salienta que a moción rexistrada polo Bloque no Concello de Vigo será defendida en todo o país

 

presentación moción soberanía 2Vigo, 4 de xuño de 2014.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, presentou a moción rexistrada onte no Concello de Vigo na que a fronte nacionalista demanda do goberno do Estado español “o inicio dun proceso constituínte onde as nacións sexan o referente político para garantir o dereito de autodeterminación dos pobos” que o conforman.

Segundo explicou a voceira nacionalista, esta moción vén ao fío da abdicación do xefe do Estado español, o pasado luns, e a proposta de continuidade do anacrónico réxime monárquico. Para o BNG, a monarquía é un réxime incompatíbel cun sistema democrático, xa que se trata dun réxime "vitalicio" e "hereditario" estabelecido "pola graza de Deus" e que supuxo, no caso español, a continuidade co franquismo.

“Vimos que nestes días estase desenvolvendo unha operación cosmética para salvar o réxime monárquico, que está moi cuestionado pola cidadanía”, afirmou Iolanda Veloso, quen salientou que nas convocatorias celebradas o pasado luns “moitas persoas saíamos á rúa porque non nos sentimos representados pola familia real e queremos un réxime democrático no que o xefe do Estado non o sexa por herdanza”.

A portavoz municipal do Bloque asegurou que ao BNG non lle vale “cambiar a cara”, xa que perpetúa un sistema obsoleto e un réxime centralista que mingua a capacidade de decidir de Galiza sobre si propia e sobre os seus sectores produtivos. “A cidadanía galega precisamos a liberdade para decidir e no dereito a decidir dos pobos non ten cabida ningún rei”, subliñou.

“Non queremos un sistema que continúe a recentralización política, senón que a capacidade de Galiza para decidir sexa recoñecida e que teñamos un papel activo para saír da crise”, destacou a voceira nacionalista, quen reclamou para Galiza o dereito a decidir.

 

O BNG reclama o recoñecemento do dereito a decidir dos pobos que conforman o Estado español