O Bloque critica que o alcalde tente aumentar os ingresos municipais as agochadas
Iolanda Veloso expresou o apoio do BNG aos axentes que denuncian a reestruturación da Policía Local sen negociala coa plantilla
Vigo, 28 de xaneiro de 2015.-A voceira municipal do Bloque, Iolanda Veloso, denunciou a situación que atravesa a Policía Local de Vigo en virtude do escrito que presentou un grupo de axentes no rexistro do Concello pedindo explicacións sobre a súa reestruturación sen ser negociada previamente coa plantilla e sen que fose decidida pola Xunta de Goberno Local.
Na nosa cidade temos un agravante: a Policía Local de Vigo non conta cun regulamento interno que estableza cales son os criterios para facer os cambios nos postos de traballo, salientou Iolanda Veloso, quen lembrou que no ano 2009 si se produciu unha remodelación deste servizo aprobada en Xunta de Goberno Local.
Segundo explicou a portavoz nacionalista, desta forma non hai un documento escrito sobre os criterios de aplicación para recolocar aos axentes en diferentes postos de traballo. Precisamente por este motivo, os policías que presentaron o escrito no rexistro municipal solicitan a anulación dos cambios efectuados.
As multas como criterio
Iolanda Veloso apuntou que un dos criterios utilizados para facer os cambios de postos de traballo é o número de denuncias de tráfico impostas en 2014. A voceira municipal do BNG sinalou ao respecto que eses cambios se producen no contexto no que o goberno local anuncia a retirada do multamóvil por avaría.
É moi curioso que en tempo de campaña o alcalde anuncie que non funcionará o multamóvil mentres se lle pide a Policía Local que aumente o número de multas, manifestou Veloso, quen criticou que o alcalde queira aparentar que baixan as multas mentres segue mantendo os ingresos ás agochadas.
Dende o BNG pensamos que as funcións da Policía Local teñen que ser outras, non para estar escondida detrás dunha árbore para multar senón para evitar as infraccións, salientou a portavoz municipal do BNG. Ao alcalde éncheselle a boca falando de baixada de impostos pero pretende manter os ingresos ás agochadas, criticou ao tempo que manifestou o apoio aos traballadores que piden que o goberno local explique a súa actuación.