O Bloque demanda a retirada da medalla de ouro de Vigo ao exdirector de Caixanova Fernández Gayoso
A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, salientou que o Bloque defende a retirada da medalla de Ouro da Cidade ao exdirector da antiga Caixanova e posteriormente copresidente de NovaCaixaGalicia, Julio Fernández Gayoso. Deste xeito, o BNG recolle a demanda manifestada polos afectados das preferentes e considera inaceptable que o exbanqueiro siga mantendo a distinción que a corporación viguesa lle concedeu en 1997.
Cada quen ten que asumir a súas responsabilidades e non parece moi coherente que Gayoso siga tendo esta distinción, asegurou Iolanda Veloso, quen sinalou que a formación nacionalista estudará como presenta a solicitude, ben como moción ou ben como declaración conxunta.
A portavoz municipal nacionalista lembrou a iniciativa presentada polo BNG de A Coruña co obxectivo de que pleno coruñés retire o título de Fillo Predilecto ao ex director xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez. Non é de recibo que Gayoso e Méndez manteñan estes honores e agardamos ter o respaldo do resto dos grupos da corporación, manifestou Iolanda Veloso.