Iolanda Veloso: "A incorporación dunha concelleira non electa indica que o goberno está afogado"
A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, salientou que a remodelación do goberno vigués, coa incorporación dunha concelleira non electa indica que se trata dun goberno que está afogado. Para a nacionalista, existe un grave problema de xestión, tal e como o demostra que teñan que darlle unha volta ao goberno á metade de mandato.
Iolanda Veloso asegurou que dende o BNG non vemos ningún criterio claro que explique esta remodelación polo que non temos claro que vaia funcionar. Segundo a portavoz municipal do Bloque está claro que o goberno está asfixiado, chega á metade de mandato cun novo orzamento e non se ve capaz de xestionar.
A nacionalista criticou diversos aspectos da composición do novo goberno vigués. Por unha banda, criticou que a nova concelleira non electa sexa precisamente para educación. O ensino debería ser unha área atendida e mimada dende o inicio do mandato e non parece moi propio dun goberno de esquerdas que a titular sexa unha concelleira non electa con dedicación parcial, salientou.
Pero non só educación non funcionaba, tampouco funcionaba cultura e benestar, apuntou Iolanda Veloso, quen considera que máis sentido tería remodelar estas dúas áreas, co obxectivo de impulsar o seu funcionamento, e non que cultura a asuma un concelleiro que non ten dedicación exclusiva e xa leva industria.
Menos peso das mulleres
Segundo a portavoz do BNG tamén resulta chamativo que con esta remodelación son as mulleres as que perden peso no goberno. Precisamente Raquel Díaz, Isaura Abelairas e Chus Lago deixan as áreas de educación, cultura e igualdade, respectivamente. Ao seu xuízo esta decisión vai da man da opción de unir benestar e igualdade. Nós sempre nos sempre nos opuxemos a esta visión da política, que por outro lado demostra a importancia que lle da o goberno a estas áreas, destacou.
Ideoloxicamente é incomprensible que tomen unha decisión semellante, criticou Iolanda Veloso, para quen asemade é incomprensible nun goberno que se di de esquerdas. Considerou que, en definitiva, a remodelación amosa a falta de capacidade de xestión denunciada ao longo destes dous anos polo BNG.