O Bloque denuncia que o goberno proxecta vender terreo mediante poxa pública para construír chalés
Iolanda Veloso preguntou na xerencia de Urbanismo polo destino das parcelas de Navia afectadas e Carmela Silva di que terá resposta por escrito
Vigo, 3 de novembro de 2014.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, denuncia que o goberno local teña previsto vender parcelas de Navia mediante poxa pública para a construción de vivenda libre, en concreto vivendas unifamiliares, en lugar de destinar estes recursos municipais ás persoas que máis o precisan. É un escándalo, subliñou a voceira nacionalista tras absterse na votación da Xerencia na que PSOE e PP deron o seu voto a favor deste proxecto.
Pese a que na sesión de hoxe a concelleira de Urbanismo aseguroulle a Iolanda Veloso que recibiría a contestación por escrito, en resposta a outra pregunta dos populares sobre a venda dos pisos de Rosalía, Carmela Silva explicou que se prevé a venda das parcelas de Navia por se non fosen suficientes eses recursos para as expropiacións correspondentes á Cidade da Xustiza.
Igual que non compartimos a venda dos pisos de Rosalía, non compartimos que o goberno local non utilice o terreo público para vivendas de uso social. Hai persoas que están na rúa, pero vemos que é un tema que non lles preocupa en absoluto, criticou a voceira municipal do Bloque. A xente na rúa e este goberno vende parcelas para construír chalés; é terrible, concluíu Iolanda Veloso.