O BNG acusa ao goberno de non explicar a que dedicará os recursos da operación inmobiliaria en Navia

O BNG acusa ao goberno de non explicar a que dedicará os recursos da operación inmobiliaria en Navia

Iolanda Veloso alerta de que “non consta en ningún sitio” que se destinen á Cidade da Xustiza e acaben sendo para a campaña do alcalde

 

rolda Iolanda urbanismoVigo, 7 de novembro de 2014.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, denunciou en rolda de prensa que o goberno local non especifica a que dedicará os recursos que obteña da venda de catro parcelas en Navia ao non aclarar este aspecto na contestación á pregunta presentada por escrito na última sesión da xerencia de Urbanismo. ”Só podemos chegar a unha conclusión: que non queren que conste por escrito que o seu destino sexa a Cidade da Xustiza”, destacou.

“Onte chegounos a resposta por escrito á pregunta presentada, pero nela non se nos aclara por que se venden”, explicou Iolanda Veloso, quen sinalou que no texto só se fai referencia á lei que recolle a que se poden dedicar os cartos da venda de patrimonio municipal e as fichas correspondentes do PXOM para xustificar que que o uso sexa a construción de vivendas unifamiliares.

A portavoz municipal do Bloque criticou que no informe remitido non se explique “cal é a intención do goberno municipal e que quere facer cos cartos”, apuntou, ao non incluír cal é a “decisión política” que leva ao goberno da cidade a desfacerse de terreos públicos, que se suma á posta á venda dos pisos de Rosalía de Castro.

Iolanda Veloso achacou á falta de interese do PSOE e do PP a inexistencia da Cidade da Xustiza. “A realidade é que despois dese gran pacto polo ben da cidade, para a Cidade da Xustiza non hai orzamentos, non hai data, non hai solo e non hai recursos para iniciar o proceso de expropiación”, denunciou, ao tempo que sinalou que é un proxecto do que non hai nada, “igual que non o había antes do pacto”.

rolda Iolanda urbanismo 2“Só temos 12 pisos vendidos, 28 pendentes de vender e agora tamén 4 parcelas. O que nos tememos é que ao final os recursos non sexan suficientes e acabe sendo unha operación inmobiliaria que non serva para a Cidade da Xustiza senón para a campaña do alcalde”, manifestou.

Falta de alternativas

Segundo destacou a voceira municipal do BNG, “é un problema ter unha concelleira de Urbanismo e un goberno á que non se lle ocorra nada máis que vender patrimonio municipal e no teña ideas para promover vivendas sociais ou apoiar a creación de cooperativas”. Neste sentido acusou ao alcalde de non gobernar, ao non dar solución as necesidades dos vigueses e viguesas, e estar xa en campaña.

“O alcalde non está gobernando para atender as prioridades da cidade: non está buscando ubicación para Sereos, nin creando un parque de vivenda social para as persoas desafiuzadas, nin crea un bonobús para persoas desempregadas”, denunciou, polo que alertou de que, ao non figurar por escrito que os recursos que obteña da venda de terreos serán para a Cidade da Xustiza, eses recursos sexan “para o que queira o alcalde e a súa campaña”.

 

O BNG acusa ao goberno de non explicar a que dedicará os recursos da operación inmobiliaria en Navia