Máis protección social, calidade do ensino e sanidade, obxectivos das emendas do BNG aos OXE

Máis protección social, calidade do ensino e sanidade, obxectivos das emendas do BNG aos OXE

Olaia Fernández Davila subliña que boa parte das partidas propostas polo Bloque, 2.054 millóns de euros en total, buscan superar os recortes

Iolanda Veloso destaca que as propostas para Vigo e a súa área, máis de 4,3 millóns, demandan melloras na conexión ferroviaria e a biblioteca do estado

 

emendas OXE 2015 Olaia Vigo, 31 de outubro de 2014.- A deputada do BNG, Olaia Fernández Davila; a portavoz municipal, Iolanda Veloso; e o responsable local, Henrique Viéitez, presentaron as emendas propostas polo Bloque aos orzamentos xerais do Estado. As partidas presentadas, que ascenden a 2.054 millóns de euros, “están destinadas a aumentar a protección social e a calidade do ensino e a sanidade, ademais de avanzar na calidade de vida das persoas”, segundo salientou a deputada nacionalista.

Olaia Fernández criticou que o goberno estatal manteña o mesmo nivel de austeridade para 2015. “Pese a que diga que España crece, os orzamentos non aumentan”, sinalou, ao tempo que subliñou que as emendas presentadas polo BNG teñen o obxectivo tamén de “superar a situación de recortes”.

Deste xeito, explicou que 282 millóns van destinados a educación, cunha partida importante para aumentar as bolsas; 270 millóns son para o Ministerio de Traballo, cunha partida de 120 millóns para impulsar políticas activas de emprego. Considerou tamén fundamental aumentar as partidas destinadas a reactivación dos sectores industriais, como o naval e as enerxías renovables.

Aumento da partida para o Marco

A deputada do BNG fixo referencia a outras dúas iniciativas presentadas. Unha delas busca “mellorar a calidade da vida democrática”, segundo explicou, ao reclamar de 250 xuíces. A outra, pola súa banda, reclama ao Ministerio de Cultura, o aumento da partida orzamentaria ao museo Marco.

Neste sentido Fernández Davila recordou que nos últimos dous exercicios o Ministerio de Cultura reduciu considerablemente a súa aportación ao museo vigués, con 48.000 euros para 2014 e 35.000 euros consignados para 2015. Segundo resaltou, esta situación levou ao BNG a presentar unha proposición non de lei, na que se insta ao goberno a incrementar a súa achega, e unha batería de preguntas nas que se demandan explicacións sobre este descenso.

emendas OXE 2015 IolandaConstrución dunha área loxística en Peinador

A portavoz municipal, pola súa banda, destacou que nas emendas parciais para Vigo e a súa comarca, que suman 4,3 millóns, o Bloque reclama ao Ministerio de Fomento diversos estudos para mellorar as conexións ferroviarias da cidade. Así, pídese analizar a mellora da conexión con Portugal e coa Plisan, pero tamén a implantación dun plan de proximidade e de unión do porto coa estación do AVE e o aeroporto.

Ademais, Iolanda Veloso destacou a necesidade de “dotar de recursos a Peinador”, polo que se inclúe unha partida para construír unha área loxística nas inmediacións do aeroporto. “Tal e como recolle o PXOM”, especificou a preguntas dos xornalistas. Asemade, salientou a inclusión dunha emenda “histórica da cidade”, como é a que se refire á construción da biblioteca pública do estado, con 1,5 millóns de euros.

O responsable local do Bloque asegurou que todas as partidas propostas son “prioritarias e fundamentais”, en tanto que a súa posta en marcha permitiría non só impulsar os sectores produtivos contemplados, senón tamén ter en conta outros.

 

Máis protección social, calidade do ensino e sanidade, obxectivos das emendas do BNG aos OXE