O Bloque esixe ao goberno galego que cumpra o acordo para garantir o mantemento de Freiremar
Carme Adán lembra que xa pasou unha semana desde que o Parlamento aprobou por unanimidade defender o emprego da planta viguesa
Iolanda Veloso salienta que a maior perda de postos de traballo na cidade prodúcese nos sectores de industria e servizos
A deputada Carme Adán e a portavoz municipal Iolanda Veloso criticaron a inacción da Xunta a respecto do mantemento da planta viguesa de Freiremar. As nacionalistas destacaron que xa transcorreu unha semana desde que o Parlamento galego aprobou unanimemente instar ao goberno a realizar as accións necesarias encamiñadas a garantir o mantemento da planta de Freiremar, así como o emprego correspondente, na cidade de Vigo.
Reclamamos ao goberno galego que estude a forma de manter esta planta e os seus postos de traballo, salientou Carme Adán, quen informou de que pese a telo solicitado, os traballadores aínda non foron recibidos polo conselleiro de Industria para abordar a súa situación. Queremos instar ao conselleiro a que os reciba e estableza unha folla de ruta, manifestou.
A deputada nacionalista lembrou que da planta de Vigo están despidas 101 persoas dun total de 114, ás que a empresa lle adebeda nóminas atrasadas e indemnizacións, alegando falla de recursos económicos. É moi importante que mostrar que Freiremar ten capacidade para facer fronte a estas obrigas, destacou.
Carme Adán neste sentido fixo fincapé na maquinaria da empresa, adquirida en boa medida mediante as axudas públicas que recibiu, a frota e os produtos. Incomprensiblemente a policía custodiou que a empresa os sacara da nave, criticou a respecto do acontecido a pasada semana nunha das plantas que ten a empresa en Vigo.
Máis paro en industria
Iolanda Veloso, pola súa banda, destacou que as cifras do paro na cidade son alarmantes, xa que segundo os últimos datos rexistrados en superan as 34.000 persoas desempregadas en Vigo e as 48.000 na comarca e incluso poderían ser peores segundo a valoración realizada polos sindicatos.
A maior perda de postos de traballo prodúcese precisamente nos sectores de industria e servizos, apuntou a portavoz municipal do BNG, quen tamén sinalou que é o terceiro mes consecutivo no que aumenta o paro na cidade.
Para a responsable nacionalista, neste contexto de grave crise económica atopamos casos tan sangrantes como o de Freiremar, a respecto do cal, segundo salientou, o BNG expresou o seu compromiso desde o inicio do conflito buscando solucións para os traballadores e traballadoras.
Ademais das visitas feitas polo grupo municipal nacionalista aos traballadores e traballadoras nas súas protestas, Iolanda Veloso lembrou a declaración institucional aprobada no Concello de Vigo a proposta do BNG e asumida tanto polo PSOE como polo PP.
Temos que lembrar que o PP ten a responsabilidade no noso país dos datos de desemprego, subliñou, ao tempo que recordou que a declaración aprobada, ademais de amosar o apoio á plantilla, insta á Xunta a tomar medidas para manter o emprego. Que saibamos, o goberno galego aínda non moveu ficha, sinalou.