Iolanda Veloso denuncia que nin Xunta nin goberno central impiden o peche en Vigo de Freiremar
O BNG critica a hipocrisía do PP ao respaldar unha iniciativa nacionalista en defensa do emprego e enviar á Policía a desaloxar ás traballadoras
Coa presenza da portavoz municipal e o concelleiro Xabier Alonso, e do responsable local e comarcal, o BNG vigués respaldou novamente a mobilización convocada polos traballadores e traballadoras de Freiremar en defensa dos seus empregos. Na concentración, Iolanda Veloso denunciou que nin a Xunta de Galiza nin o goberno central están facendo nada para evitar o peche da factoría viguesa e criticou o desaloxo policial que sufriron onte cando tentaban impedir que a empresa sacase mercadoría da nave de Bouzas.
Estamos indignados co que aconteceu onte: Despois de aprobar un acordo no Parlamento para garantir os postos de traballo, a Policía desaloxa aos traballadores para axudar a que os propietarios poidan sacar o material da empresa, sobre todo peixe conxelado por valor de máis dun millón de euros, subliñou
Neste sentido, a portavoz do Bloque fixo referencia ás duras condicións que atravesa a plantilla, da que están despidas 101 persoas dun total de 114, e ás que a empresa lle adebeda nóminas atrasadas e indemnizacións, alegando falla de recursos económicos. É incomprensible que o PP vote a favor dun acordo en defensa do emprego e ao mesmo tempo permita que os propietarios baleiren a nave, asegurou.
Iniciativas do BNG
Por outro lado, Iolanda Veloso destacou que o BNG impulsa desde as institucións diversas iniciativas para que se lle dea solución á empresa. Deste xeito, explicou que a través da deputada Olaia Fernández o Bloque pediu no Congreso explicacións ao Goberno polo desaloxo policial acontecido onte.
Precisamente o Bloque alerta de que existen sospeitas de que a dirección da empresa está a vender a mercadoría a fin de non asumir o pagamento do que lle debe aos traballadores despedidos mentres a inspección de traballo realizada na sede de Freiremar en Madrid aportou dados favorábeis aos traballadores.
Nesta liña, ademais de preguntar ao goberno polo desaloxo dos traballadores, Olaia F. Davila demanda información sobre as conclusións da Inspeción de Traballo realizada na delegación de Madrid e se a empresa se pode desfacer dunha mercadoría que é a testemuña clara de que se pode pagar aos traballadores.
Para o Bloque, a eliminación dos postos de traballo de Freiremar súmase a longa cadea de peches de industrias, galegas ou asentadas na Galiza, relacionadas coa actividade extractiva de produtos mariños que implica a desaparición dun sector estratéxico da economía galega.