O BNG agarda que o goberno sexa máis rápido en investir o superávit que co plan contra a crise
Melloras de accesibilidade nos centros de ensino, de mantemento nos barrios e parroquias e rehabilitación do Casco Vello son as prioridades do Bloque para o plan de investimentos correspondentes ao superávit municipal
A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, lembrou as propostas do Bloque como eixo do plan de investimentos municipal correspondente ao superávit de 6 millóns do Concello de Vigo ao tempo que criticou a escasa capacidade de xestión do goberno local. Agardamos que sexan capaces de xestionar o superávit máis rápido que o plan de compensación contra a crise, subliñou.
Quero lembrar que Santi Domínguez xa explicou en agosto que actuacións o BNG considera prioritarias, polo que se daquela eran prioritarias, agora seguen séndoo porque non se fixo nada, destacou Iolanda Veloso, quen sinalou que o Bloque considera prioritario mellorar a accesibilidade nos centros de ensino, mellorar as infraestruturas dos barrios e as parroquias, con especial atención ao saneamento de Teis, e afondar na rehabilitación do Casco Vello.
Segundo subliñou a portavoz nacionalista, o goberno local ten graves problemas para xestionar os orzamentos cos que conta, xa que por un lado, do plan contra a crise hai persoas que tendo concedida a axuda aínda non a cobraron, e por outro, do plan de investimentos non presentaron ningún proxecto concreto, pese a que o alcalde anunciou que será aprobado a vindeira semana en xunta de goberno.
Iolanda Veloso criticou asemade que o alcalde priorice pedras e piche sobre persoas e puxo de manifesto as súas contradicións. Sinalou que mentres por un lado non quere baixar impostos dicindo que poden xurdir problemas de ingresos, por outra o luns aprobaranse en comisión as dúas novas ordenanzas, que suporán máis ingresos no Concello de Vigo pero que non aliviarán a presión fiscal sobre a cidadanía, explicou.
Melloras prioritarias
A portavoz municipal do Bloque considerou imprescindible executar un plan para as parroquias, que contemple a renovación do saneamento de Teis, así como a mellora das infraestruturas de cinco eixos da cidade. Neste sentido destacou a necesidade de realizar actuacións en Cabral-Candeán; San Roque-barrio de Ribadavia; Sárdoma-barrio de Vilar, San Andrés-Matamá-Coruxo, e Navia. Sería interesante que o goberno se tivera sentado cos colectivos para recoller as necesidades, comentou a nacionalista ao respecto.
Outra das necesidades detectadas refírese á transmitida por Foampas sobre a mellora da accesibilidade nos centros de ensino e os parques da cidade, salientou Iolanda Veloso. Ao seu xuízo hai que continuar co proceso xa iniciado no mandato anterior polo BNG. Finalmente referiuse á proposta de seguir traballando na rehabilitación do Casco Vello, en particular na remodelación da fachada do Berbés. Desde agosto até agora poderían engadir investimentos en instalacións deportivas, indicou.
Orzamentos para 2014
Preguntada pola postura do Bloque sobre os orzamentos do vindeiro exercicio, a portavoz nacionalistas recordou que o de Vigo é un goberno en minoría que ten que efectivamente ten que preparar un proxecto de orzamentos e debatelo coa oposición. Pero atopamos que non quere debater a parte de ingresos, sinalou a respecto da negativa do alcalde de debater no pleno as propostas de grupos políticos e sociais sobre as taxas municipais.
A estas alturas chegamos tarde para ter orzamentos en xaneiro, apuntou Iolanda Veloso. O goberno non dá executado os orzamentos de 2013, non acepta propostas na parte de ingresos e non sabemos que quere facer coa parte de ingresos, concluíu.