O Bloque esixe a Caballero responsabilidades políticas tras a imputación dun edil do goberno
Iolanda Veloso salienta que no BNG temos moi claro que o que corresponde diante dunha imputación é a dimisión, pero cada forza política é responsable das súas decisións
Vigo, 16 de setembro de 2014.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, salientou que perante a imputación dun cargo público, como acontece co edil de Parques e Xardíns do goberno municipal por un suposto delito de prevaricación, cómpre diferenciar entre o proceso xudicial e as responsabilidades políticas. Nós respectamos todo proceso xudicial e por suposto a presunción de inocencia, pero seguimos demandando explicacións políticas do máximo responsable político da cidade, subliñou.
Segundo destacou Iolanda Veloso, para o BNG é especialmente importante saír a dar a cara por parte do alcalde como principal responsable político do Concello, tendo en conta que o Concello de Vigo está sendo investigado pola xustiza desde hai meses. Nós defendemos desde hai meses que o alcalde debe dar unha resposta política a esta situación ofrecendo toda a información pertinente, manifestou.
A voceira nacionalista criticou que desde o inicio das investigacións xudiciais o alcalde non facilite información ao respecto pese a serlle reclamada en diversas ocasións polo BNG, incluso no pleno da corporación. Desgraciadamente estamos vendo que o alcalde segue sen facer declaracións precisamente cando sempre está en boca dos seus concelleiros, sinalou.
Ademais, Iolanda Veloso recriminou ao alcalde esconderse cando hai problemas detrás dos concelleiros e mesmo detrás de funcionarios e non dar as explicacións que ten que dar como máximo responsable político, ao lembrar que non quixo facilitar información sobre a investigacións xudiciais cando noutros concellos si se deron.
Esconderse non é dar explicacións políticas, dixo a portavoz municipal do BNG preguntada polos medios sobre a comparecencia sen preguntas do edil imputado xunto ao voceiro do grupo socialista. Para nós iso non é asumir responsabilidades. Os cargos públicos temos a obriga de responder as preguntas da cidadanía e dar a cara, subliñou.
Dimisión
O BNG ten moi claro como se actúa diante dun caso de imputación. Temos moi claro que o que corresponde a unha imputación é a dimisión e sempre o facemos así, destacou Iolanda Veloso preguntada sobre se o Bloque pedirá a dimisión do concelleiro imputado. Porén quixo deixar claro que cada forza política toma as súas decisións en función do seu programa e a súa ideoloxía e que ao final é a cidadanía a que ten que pedir contas.