O BNG reclama que a Xunta impulse o concerto social e non privatice os servizos públicos
Iolanda Veloso e Carme Adán reuníronse con representantes da asociación San Francisco para trasladarlles o respaldo do BNG
Vigo, 17 de setembro de 2014.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, e a deputada Carme Adán, mantiveron esta mañá unha xuntanza con representantes da asociación San Francisco para tratar a situación do centro. Perante o traslado previsto pola Xunta dos seus 73 usuarios a instalacións de Mos nas que atenden a persoas da terceira idade, as representantes nacionalistas reclamaron que a administracións galega non privatice os servizos que atenden ás persoas con discapacidade e que impulse o concerto social.
Carme Adán puxo de manifesto as contradicións da conselleira de Benestar sobre este asunto, lembrando que hai un ano o BNG lle preguntou se a carteira de servizos permitiría que fora compartida por persoas con discapacidade e da terceira idade. Naquel momento a conselleira negouno, pero a realidade é que agora as persoas con discapacidade psíquica de San Francisco terán que compartir espazo e servizos con persoas da terceira idade, criticou.
É terrible que a Xunta obrigue a persoas con discapacidade psíquica que levan moitos anos neste centro de Coia a trasladarse a outra localidade, denunciou a deputada nacionalista ao tempo que alertou das dificultades que este traslado representa, ao supoñer ter que coñecer outras rutas e outras profesionais. Pensamos que non hai que buscar beneficios privados coa vida das persoas, salientou tras a xuntanza, na que tamén participou o responsable comarcal, Manuel Caride.
Atropelo da concelleira
Desde a asociación, pola súa banda, os participantes na xuntanza agradeceron o apoio expresado polo BNG diante do atropelo da conselleira cos nosos fillos e fillas, xa que por primeira vez os tratan como mercancía, ao sacar a concurso as prazas que ocupan no centro San Francisco por vinte anos renovables.
Denuncian que nese concurso convocado pola Xunta non se tivera en conta que a maioría das persoas afectadas son de Vigo e están integradas na realidade do seu barrio. Asemade, critican que non se valorase a longa experiencia profesional dos traballadores e traballadoras de San Francisco nin incluíse a subrogación dos contratos.