O BNG defende que a reforma de Balaídos sexa unha actuación global que inclúa as pistas de atletismo
Xabier Alonso critica o culebrón mediático protagonizado polo alcalde e o presidente da Deputación sobre a remodelación do estadio
Vigo, 12 de setembro de 2014.- O concelleiro do BNG, Xabier Alonso, defendeu a necesidade de reformar o estadio de Balaídos para garantir a seguridade das persoas. Porén, criticou que esta actuación se está convertendo nun novo culebrón porque a Xunta e a Deputación teñen o obxectivo xeral de non investir en Vigo e ao alcalde só lle interesa saír nos medios e a liorta permanente.
Cómpre preguntarse se este proxecto é necesario e no BNG pensamos que si, destacou o edil nacionalista, quen tamén salientou que a remodelación de Balaídos debe ter en conta melloras no barrio no que está ubicado. Neste sentido defendeu que a actuación que se leve a cabo debe permitir disfrutar do entorno á veciñanza e solucionar o problema do aparcamento.
Ao respecto, e preguntado sobre as solución previstas para o aparcamento na zona, o edil do BNG comentou que o único que está contemplado é unha cascada de información que non aparece en ningún proxecto real e concreto. Demandamos que a actuación na zona sexa global, algo que non se está contemplando, salientou.
Para O BNG, outro aspecto que necesariamente debe incluír o proxecto é a remodelación das pistas de atletismo. Neste sentido Xabier Alonso asegurou que sofren un deterioro igual ao do estadio e considerou que nelas debe actuar a Xunta posto que, ademais de adquirir o compromiso no pasado, compiten atletas que non son só de Vigo, senón da área metropolitana e incluso de toda Galiza.
Agora que a Xunta ten cartos, é hora de acometer a súa remodelación, resolvendo así dunha vez por todas a súa situación, demandou o concelleiro nacionalista. Cómpre pensar globalmente, insistiu.
Proxecto definido
Xabier Alonso subliñou que é necesario definir o proxecto así como as administracións participantes, que para o Bloque deben ser todas; isto é, Concello, Deputación, Xunta e Consejo Superior de Deportes, así como o propio Celta. É preciso ter definidos os prazos de execución das obras e a aportación de cada administración, engadiu Alonso, ao tempo que manifestou que no BNG non nos gusta como se está levando este tema.
Por outro lado, e en resposta aos medios sobre a postura que manterá o Bloque no pleno en caso de que sexa obxecto de votación, Alonso asegurou que o que nunca fará o BNG é detraer cartos destinados a cubrir necesidades sociais para Balaídos, pero se non é así si apoiaremos a reforma porque pensamos que é necesario garantir a seguridade das persoas que van ao estadio.