O Bloque esixe o cese do xerente da área sanitaria de Vigo polos recortes e o colapso das urxencias

O Bloque esixe o cese do xerente da área sanitaria de Vigo polos recortes e o colapso das urxencias

Carme Adán: “Non chegan as desculpas e os laios do presidente da Xunta; o goberno galego ten que tomar medidas”

Iolanda Veloso: “É unha sorpresa que o presidente da Xunta non sexa quen de prever algo que acontece todos os anos”

 

rolda urxencias CarmeVigo, 12 de xaneiro de 2015.- A deputada do BNG, Carme Adán, e a portavoz nacionalista, Iolanda Veloso, reclamaron o cese do xerente da área sanitaria viguesa perante a gravidade da situación da sanidade na cidade, provocada pola “redución de persoal sanitario, o peche de camas, medios e servizos, nun sistema de recortes xeneralizado”. Criticaron ademais que o presidente da Xunta se limite a “pedir desculpas” en lugar de solucionar os problemas.

“Hoxe non necesitamos moitas palabras para contar o que pasa nas urxencias dos hospitais vigueses, temos as imaxes”, salientou Carme Adán, en referencia as fotografías publicadas por distintos medios de comunicación nas que se plasmaba a saturación das instalacións hospitalarias.

A deputada nacionalista fixo fincapé na necesidade de que a Consellería de Sanidade poña os medios e o persoal necesarios para solucionar esta situación e que non se repita na segunda quincena deste mes de xaneiro e no mes de febreiro. “Non entendemos cal é o problema para facer contratacións”, manifestou Adán, quen considerou que as argumentacións deste departamento non son máis que escusas en tanto que dispón de fondos reservados para utilizar en caso de necesidade “que se chaman fondos de continxencia”, aclarou.

rolda urxencias IolandaEmpeoramento desde marzo

“É unha sorpresa que o presidente da Xunta non sexa quen de prever algo que acontece todos os anos”, comentou pola súa banda Iolanda Veloso sobre as manifestacións de Núñez Féijoo. A portavoz municipal do BNG manifestou a estrañeza das nacionalistas por que a Consellería de Sanidade non prevea a incidencia da gripe nestas datas, “que se repite todos os anos”.

Iolanda Veloso apuntou que “tamén comeza a ser previsible o colapso das urxencias dos hospitais de Vigo”. Neste sentido lembrou que no pasado mes de marzo produciuse a morte dunha muller mentres agardaba nas urxencias do hospital Xeral. “Daquela denunciamos que isto era consecuencia dos recortes en sanidade e Mosquera acusounos de utilizar esa morte. Nas semanas seguintes anunciaron o recorte de camas, provocando o empeoramento da sanidade viguesa”.

“A nós acusáronos de falsear datos, pero estes días saíron publicadas fotos nos diversos medios que demostran que o que nos denunciamos é certo”, destacou a voceira do BNG, quen chamou a atención de que até os propios médicos consideren que é unha burla a petición de desculpas por parte de Feijóo.

 

O Bloque esixe o cese do xerente da área sanitaria de Vigo polos recortes e o colapso das urxencias