O Bloque leva unha moción ao vindeiro pleno na que reclama a paralización da venda de Novagalicia
A portavoz municipal do Bloque, Iolanda Veloso, explicou que dado o impulso ao proceso de poxa de NCG por parte do FROB, o BNG decidiu presentar unha moción ao vindeiro pleno de xeito urxente demandando a paralización da venda de Novagalicia Banco por ser unha entidade sistémica para Galiza. Ata é posible que no próximo pleno xa estea vendida, alertou.
Iolanda Veloso destacou a importancia estratéxica para Galiza da permanencia de Novagalicia Banco como banco galego independente, ao tratarse dunha ferramenta fundamental para a subsistencia na Galiza do aforro dos galegos e das galegas, así como para fornecer de crédito para o desenvolvemento dos sectores estratéxicos da economía do país.
Porén, a portavoz nacionalista considerou que as decisións que se están tomando co fin de vender a entidade antes de rematar o ano a través dunha poxa van na liña contrariaaos intereses de Galiza. Sexa cal sexa o resultado podemos dicir que é un negocio realmente ruinoso, asegurou, lembrando que se destinaron máis de 9.000 millóns de recursos públicos para o seu saneamento e a venda en réxime de poxa só permitiría recuperar unha parte moi pequena do diñeiro público investido.
Perda de postos de traballo
Iolanda Veloso tamén fixo referencia a outra das consecuencias deste proceso, como é a eliminación de oficinas en Galiza e a súa repercusión no servizo e no emprego. Tendo en conta a dispersión xeográfica do noso país, esta decisión vai deixar a moitas persoas sen ningún tipo de servizo, advertiu.
Neste sentido, e segundo apuntou a portavoz nacionalista, no caso de Vigo as consecuencias da venda serían especialmente graves pola posíbel desaparición dos servizos centrais que se atopan na cidade, o cal suporía a perda de entre 600 e 700 postos de traballo. Esta é unha consecuencia realmente grave, considerou, xa que esta eliminación de emprego sumaríase ao nivel de desemprego xa existente.
Por outra banda, a portavoz municipal do BNG destacou que as persoas afectadas pola estafa das participacións preferentes e subordinadas que aínda non obtiveron unha resposta ás súas demandas atoparanse nunha situación de maior indefensión aínda unha vez materializada a venda do banco.
No tocante á Fundación Novacaixagalicia, (na que ademais do patrimonio pictórico inclúense o centro social, o cultura, os centros de ensino e a Finca de San Roque) Iolanda Veloso alertou do grave problema que supón para o seu mantemento que a entidade non teña financiamento de ningún tipo.
Co obxectivo de evitar estas graves consecuencias, ademais de reclamar a paralización da súa venda, a moción do Bloque insta á Xunta de Galiza a demandar do Congreso dos Deputados aprobar as reformas legais necesarias para que sexan consideradas sistémicas tamén as entidades financeiras con presenza significativa en ámbitos territoriais determinados.
Asemade, o BNG pide rexeitar ante o Goberno do Estado a calquera tentativa de venda a outra entidade que supoña a perda do seu vencello territorial con Galiza, así como defender a permanencia de Novagalicia Banco como entidade financeira galega independente, estudando a alternativa da súa transformación nun Banco Público Galego. Finalmente, no documento reclámase que as persoas adquirentes de participacións preferentes das extintas caixas de aforro poidan recuperar a totalidade dos seus aforros.