O pleno aproba a moción do Bloque que demanda que o FROB paralice a venda de Novagalicia Banco
O BNG acadou o respaldo do pleno, cos votos a favor do PSOE e en contra do PP, para aprobar a moción presentada de xeito urxente na que se pide que o FROB paralice a venda de Novagalicia Banco por ser unha entidade sistémica para Galiza. A portavoz municipal, Iolanda Veloso, tamén destacou a necesidade de que o Congreso dos Deputados aprobe as reformas legais necesarias para que sexan consideradas sistémicas as entidades financeiras con presenza significativa en ámbitos territoriais determinados.
Na moción o BNG pide asemade rexeitar calquera tentativa de venda de Novagalicia Banco a outra entidade que supoña a perda do seu vencello territorial con Galiza, así como defender a súa permanencia como entidade financeira galega independente, estudando a alternativa da súa transformación nun Banco Público Galego. Esta é a alternativa do BNG, afirmou en alusión ao comentario dun concelleiro popular que manifestou descoñecer cal é a proposta do Bloque
Présas pola venda
Se o prazo para a súa venda remata en 2015 a que vén tanta presa para vendela agora? A quen beneficia? preguntou a portavoz do BNG facéndose eco das palabras do edil do PP, que asegurou que hai de prazo até o 2015. Ata é posible que no próximo pleno xa estea vendida, alertou en relación ao impulso ao proceso de poxa de Novagalicia por parte do FROB.
Iolanda Veloso destacou a importancia estratéxica para Galiza da permanencia de Novagalicia Banco como banco galego independente, ao tratarse dunha ferramenta fundamental para a subsistencia na Galiza do aforro dos galegos e das galegas, así como para fornecer de crédito para o desenvolvemento dos sectores estratéxicos da economía do país.
A portavoz nacionalista advertiu das consecuencias deste proceso para Vigo, como a destrución de postos de traballo, debido á posíbel desaparición dos servizos centrais que se atopan na cidade, o cal suporía a perda de entre 600 e 700 empregos. Precisamente a confirmación por parte do FROB de que non vai garantir as condicións laborais nin os postos de traballo colócanos nun escenario pesimista fronte á reestruturación das oficinas e dos servizos do banco.
Iolanda Veloso tamén expresou a preocupación do BNG pola situación da Fundación Novacaixagalicia, (na que ademais do patrimonio pictórico inclúense o centro social, o cultural, os centros de ensino e a Finca de San Roque) e os riscos para o seu mantemento se esta entidade carece de financiamento.
Finalmente, a moción do Bloque tamén reclama que as persoas adquirentes de participacións preferentes das extintas caixas de aforro poidan recuperar a totalidade dos seus aforros. Neste sentido, Iolanda Veloso alertou de que as persoas afectadas que aínda non obtiveron unha resposta ás súas demandas atoparanse nunha situación de maior indefensión aínda unha vez materializada a venda do banco.
Tarifa eléctrica galega
Por outro lado, o BNG apoiou a moción do PSOE na que se insta ao goberno do estado a retirar o proxecto de lei do sector eléctrico despois de que o grupo socialista admitira incluír unha emenda. Deste xeito, aprobouse a proposta do Bloque de instar ao goberno a que Galiza, como territorio excedentario na produción de enerxía eléctrica sexa compensada, e que por soportar os custos sociais e medioambientais das instalacións da produción, debe ter un prezo propio.