O Bloque insta ao goberno galego a actuar para manter a planta de Freiremar e os seus empregos
Carme Adán pregunta no Parlamento polas subvencións entregadas á empresa en Vigo
Iolanda Veloso reclama que o goberno local teña en conta a situación dos traballadores que quedan sen ingresos
O BNG vigués visitou hoxe aos traballadores e traballadoras de Freiremar que se mobilizan en contra do despido de 101 persoas das 114 empregados que ten a empresa en Vigo. A deputada nacionalista, Carme Adán destacou que na Comisión de Industria que terá lugar esta tarde preguntará ao goberno galego cal é a súa posición perante o ERE extintivo da empresa e que accións pensa facer para manter a planta e os seus postos de traballo.
O caso de Freiremar é un claro exemplo da sangría industrial de Vigo, denunciaron Carme Adán e Iolanda Veloso. Queremos saber que se o goberno galego vai buscar as garantías necesarias para que a actividade da empresa teña continuidade levando adiante un plan de viabilidade e garantir o mantemento do emprego, manifestou Carme Adán na visita, na que tamén participaron os concelleiros Santi Domínguez e Xabier Alonso, así como o responsable comarcal Manuel Caride.
A deputada nacionalista destacou que ironicamente na súa web, Freiremar se presenta como un grande grupo empresarial consolidado, grazas a unha traxectoria ascendente baseada na paixón polo noso traballo e un afán de superación permanente que goberna noso rumbo dende fai 30 anos. Pero este crecemento constante non sería posible sen o empeño da equipa profesional que hónrome presidir.
Porén, Carme Adán criticou que este texto non se corresponde en absoluto coa realidade, posto que a dirección ten presentado un expediente de regulación de emprego extintivo para a súa planta en Vigo que supón o despedimento de 101 persoas e a desaparición de dito centro, a pesares de ser o que posúe a tecnoloxía máis moderna.
Para a responsable do BNG, a eliminación destes postos de traballo e do proceso de elaboración e frío en Vigo súmase a longa cadea de peches de industrias, galegas ou asentadas na Galiza, relacionadas coa actividade extractiva de produtos mariños. Ao seu xuizo este peche significa a desaparición dun sector estratéxico da economía galega.
Axudas públicas
Por outro lado, a deputada do Bloque salientou que esta empresa recibiu axudas públicas en reiteradas ocasións, incluso algunha de máis de 1 millón de euros para abrir a nave que agora pretende pechar. Carme Adán considera imprescindible saber que axudas ou subvencións ten entregado o goberno galego a Freiremar para a súa planta de Vigo e cales eran as condicións.
A deputada nacionalista avanzou que na Comisión de Industria tamén preguntará se todas as axudas están liquidadas e cales son as actuacións desenvoltas polas consellerías implicadas, como Traballo e Benestar e Economía e Industria. Non podemos esquecer a responsabilidade da Xunta nas empresas que reciben cartos públicos, sinalou Iolanda Veloso ao respecto.
Actuación do goberno municipal
A portavoz municipal do Bloque, pola súa banda, alertou da grave situación pola que atravesan numerosos traballadores e traballadoras da empresa, xa que proximamente haberá familias enteiras sen ingresos. Insistiremos para que o goberno local non mire para outro lado e teña a estes traballadores e traballadoras teña en conta, subliñou.
Neste sentido advertiu de que por se a perda de emprego non fora suficiente, as traballadoras e traballadores de Vigo corren o perigo de non estar recollidos no plan social proposto pola dirección da empresa no que se contempla o apoio e asesoramento no proceso de busca de emprego do persoal afectado polo ERE.
Reclamamos ao goberno que asuma as súas competencias e faga algo polo xa sector industrial vigués, reclamou Iolanda Veloso, diante da inactividade do PP fronte ao desmantelamento dos sectores produtivos da cidade.