O Bloque mantén a rolda de contactos para impulsar a mellora das ordenanzas fiscais
O Bloque mantivo un encontro con CCOO para trasladarlle a necesidade de aumentar as exencións e bonificacións para 2014
No marco das xuntanzas que o BNG vigués mantén con diversos colectivos sindicais e sociais para trasladar a súa postura sobre as ordenanzas fiscais, hoxe mantivo un encontro coa dirección comarcal de CCOO. Dado que o alcalde non quere debater en pleno sobre as ordenanzas, queremos trasladalo á cidadanía, apuntou Iolanda Veloso ao respecto.
A portavoz municipal nacionalista salientou a boa acollida que tiveron as propostas do BNG nos diferentes encontros celebrados, tanto coa CIG e a Federación Veciñal a semana pasada como con CCOO hoxe. Ao respecto destacou que defenderon a necesidade de impulsar unha fiscalidade máis xusta e de aliviar a presión fiscal das persoas en peor situación económica.
Entre as medidas que propón o Bloque para acadar este obxectivo figura a exención para as persoas que ingresen o 85% do salario mínimo interprofesional tanto para a taxa do lixo, as escolas infantís ou o IMD, así como bonificar a taxa do lixo para as persoas que teñan unha discapacidade superior ao 65% equivalente á das persoas con dependencia aínda que non teñan esta recoñecida.
O BNG defende asemade a redución dun 2,8% na taxa pola recollida do lixo dos locais comerciais cunha superficie inferior a 50 m2 e a redución nun 2,8% das taxas por licenzas de actividades e instalacións aos locais cunha superficie de ata 500 m2. Tamén propón aplicar unha bonificación no IBI do 95% á Universidade de Vigo e do 90% ás organizacións sen ánimo de lucro que desenvolvan actividades con fins sociais.
Desde o Bloque queremos que tanto a oposición como os diferentes colectivos sociais e veciñais poidamos presentar emendas e alegacións ás ordenanzas; pensamos que son claramente mellorables, destacou Iolanda Veloso, quen participou nas xuntanzas xunto aos concelleiros Santi Domínguez e Xabier Alonso e e o responsable local, Henrique Viéitez.