O BNG defende emendas aos orzamentos da Xunta centradas na defensa do emprego e o naval

O BNG defende emendas aos orzamentos da Xunta centradas na defensa do emprego e o naval

Carme Adán e Iolanda Veloso subliñan que as contas do goberno galego para Vigo desatenden as necesidades da cidade

emendas orz xunta 2014 Carme

A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, e deputada Carme Adán, presentaron as liñas xerais que centrarán as emendas do Bloque aos orzamentos da Xunta para Vigo, centradas na defensa do emprego e o compromiso co naval. As responsables nacionalistas destacaron que as contas autonómicas desatenden as necesidades de Vigo diante da situación alarmante que vive a cidade.

“Despois de 5 anos de goberno, o emprego debería ser a máxima preocupación de Feijóo, e estamos comprobando que non é así”, asegurou Carme Adán na súa intervención. Neste sentido, a deputada nacionalista explicou que o BNG está traballando nun “plan de reactivación do emprego e industrial”, tendo moi en conta que “cos datos na man” Vigo chega case ao 26% de paro.

Carme Adán destacou asemade que ese plan terá “moi en conta o sector naval” contemplando dous aspectos fundamentais. Por un lado incluíndo un fondo patrimonial de garantías, de ámbito galego, a través do Igape e cunha dotación asignada de máis de 20 millóns. O obxectivo deste plan, segundo sinalou a deputada, é “dar financiamento ás empresas de xeito que poidan facilitar os avais”.

O BNG tamén reclama para revitalizar este sector o Centro de Reparación Naval para Vigo, que a xuízo de Carme Adán constitúe “un elemento que impulsaría notablemente este sector fundamental da ría viguesa”. A deputada criticou asemade os incumprimentos do presidente da Xunta. “Non queremos máis bromas de Feijóo como os contratos de Pemex”, apuntou.

Infraestruturas

A respecto das infraestruturas Carme Adán destacou que as partidas para Vigo deberían incluír máis de 15 millóns repartidos, entre outras, para a Cidade de Xustiza e o túnel de Xulián Estévez. “Se a Xunta ten vontade de que Vigo estea a altura das outras cidades galegas debe contemplar unha partida para a Cidade da Xustiza”, asegurou.

emendas orz xunta 2014 Iolanda

“Atopámonos que un ano máis o PP demostra que diferencia as cores políticas dos diferentes gobernos das cidades”, apuntou a portavoz municipal do BNG ao respecto, quen criticou que na distribución dos recursos que fai a Xunta “non van ser para Vigo”. Ao seu xuízo, “na Xunta non se enteraron das necesidades de Vigo e realmente pensan que é unha cidade do país que describiu Feijoo no debate”.

Iolanda Veloso salientou que a esta situación “súmase o feito de que temos un alcalde que non é proclive a chegar a consensos”. Ao seu xuízo prefire os enfrontamentos de forma que “ano tras ano se perpetúan os culebróns”, como acontece tanto coa Cidade de Xustiza como co túnel de Xulián Estévez.

“Por uns e outros a partida para a Cidade da Xustiza está desaparecida e quedamos sen ter os servizos para Vigo”, denunciou a portavoz nacionalista, quen sinalou que o túnel de Xulián Estévez desaparece das contas da Xunta. Ao respecto indicou que a causa desta situación radica tamén en que o goberno vigués “non fixo a súa parte ao non licitar o proxecto” e paralizar o proceso. Neste sentido lembrou que o BNG presentou unha moción no pleno de xaneiro de 2012 demandando a construción desta infraestrutura, que foi aprobada por unanimidade.

Privatización da sanidade

Por outro lado, Carme Adán mencionou a transformación do convenio de Sergas con Povisa. Ao respecto indicou que aparece a libre adscrición e o pago por persoa, que segundo asegurou é o modelo que se está empregando para privatizar a sanidade. “Vigo é outra vez un experimento para toda Galiza da privatización da sanidade pública”, denunciou.

O BNG defende emendas aos orzamentos da Xunta centradas na defensa do emprego e o naval