Iolanda Veloso denuncia que o goberno local non sabe que facer con 40 vivendas municipais baleiras
O BNG critica a ausencia de política de vivenda de PP e PSOE e reclama que os pisos se poñan a disposición da cidadanía
A portavoz municipal do Bloque, Iolanda Veloso, criticou que o goberno vigués aínda non saiba que facer con 40 vivendas municipais baleiras ubicadas na rúa República Arxentina, tal e como se deduce da xerencia de urbanismo extraordinaria celebrada esta mañá. Para a edil nacionalista, esta falta de proxecto responde a ausencia de política de vivenda do goberno local, ao igual que acontece na administración autonómica.
Iolanda Veloso explicou que na sesión do consello, a concelleira de Urbanismo limitouse a facer o percorrido histórico até chegar a situación actual, na que de 50 vivendas 40 corresponden ao concello e 10 a Adif; así como a informar de que o concello está agardando a resposta de Adif sobre a aceptación dos pisos para arranxalos. Mais que a miña pregunta concreta polo destino desas vivendas, non contestou, engadiu.
Para a portavoz do BNG non é de recibo que o goberno local non saiba que facer con eses pisos, especialmente tendo en conta que a realidade na nosa cidade é moi cruel. Sinalou que moitas persoas vense imposibilitadas para manter a súa vivenda, ao seren desafiuzadas por impagos de hipoteca ou aluguer. Desde o BNG pensamos que non hai que agardar a resposta de Adif para pensar que facer con esas vivendas, subliñou.
Lembrou que xa en xuño preguntara sobre a situación e a finalidade destes pisos e que naquel momento, o presidente da xerencia dixera que 'estaba en estudo'. Xa naquel momento pareceunos preocupante que o concello tivera 40 pisos baleiros e que non soubese que facer con eles, manifestou, ao tempo que asegurou que este caso é exemplo de que desde o goberno local non se está facendo absolutamente nada.
Desmantelamento da política de vivenda
Segundo defendeu a portavoz nacionalista, esta situación vese agravada pola ausencia de política de vivenda da Xunta de Galiza. Pola contra, sinalou que o goberno galego se ocupou de desmontar a política desenvolvida pola administración autonómica cando o BNG tiña as responsabilidades en vivenda. Desde entón desapareceu a bolsa de aluguer, que por exemplo permitía ás mulleres vítimas de violencia de xénero accede a vivendas, sinalou.
A día de hoxe, con 33.000 persoas desempregadas na nosa comarca, o acceso á vivenda é cada vez máis difícil e o PP non fai nada alí onde ten competencia, agás apropiarse, denunciou Iolanda Veloso en relación ás manifestacións dunha representante do PP na xerencia ao dicir que 'Navia é do PP'. Navia non é de ningún partido político, en todo caso será dos galegos e galegas que pagamos os nosos impostos, apuntou ao respecto.
Atención aos desafiuzamentos
Para o Bloque, da mesma forma que a Xunta non ten política de vivenda o goberno vigués tampouco a ten, xa que non promove a construción das vivendas sociais contempladas no PXOM, explicou a portavoz nacionalista. Nesta liña recordou que en novembro de 2012 se celebrou un pleno sobre os desafiuzamentos.
Nese pleno o BNG solicitou a creación dun servizo para atender os casos de desafiuzamentos e que os servizos sociais estudaran a posibilidade de estabelecer axudas ao aluguer e evitar as situacións extremas como cortes de luz ou auga. Non existe este servizo nin se está axudando ás persoas que sofren desafiuzamentos, criticou Veloso.
Pola contra, comentou que en Navia, das 9 vivendas que se ofrecen para estes casos, só 7 foron ocupadas. Nós entendemos que existe un problema de información e de atención, porque estamos seguros de que hai máis de 7 familias que cumpren as condicións, salientou, ao tempo que demandou que as vivendas municipais se poñan a disposición da cidadanía canto antes.
Xestión da información
Por outro lado, a portavoz municipal do BNG criticou a xestión da información que está facendo o goberno local nunha materia tan sensible como é o urbanismo. Na comparecencia da concelleira, cando chegamos xa sabiamos o que nos ía contar porque xa o poderamos ler o contido dos expedientes nun medio escrito antes de ter acceso a eles, sinalou.
Iolanda Veloso lembrou asemade que xa en nome do BNG criticara esta xestión da información. Parécenos que esta non é a maneira transparente e democrática de xestionar os recursos públicos, concluíu.