O Bloque reclama ao goberno que cumpra o acordo plenario de establecer o bonobús para desempregados

O Bloque reclama ao goberno que cumpra o acordo plenario de establecer o bonobús para desempregados

Iolanda Veloso lembra que o alcalde rexeitou cumprir este compromiso, unha das esixencias inescusables do BNG para negociar os orzamentos

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Vigo, 17 de marzo de 2014.- O grupo municipal do Bloque reuniuse esta mañá con representantes da asemblea de desempregados e desempregadas da CIG, que conxuntamente demandaron ao goberno local que cumpra o acordo acadado no pleno municipal de establecer o bonobús a persoas desempregadas que non teñen recursos.

A portavoz municipal nacionalista lembrou que houbo un acordo plenario sobre esta proposta do BNG e que o mesmo PSOE votou a favor. “Porén, o goberno decidiu subvencionar billetes de avión e non billetes de autobús, pese a que para as persoas desempregadas sen recursos ou que só teñen a Risga non teñen posibilidade de soster a súa familia nin de utilizar o transporte público”, denunciou Iolanda Veloso.

“Esta foi unha das esixencias que desde o BNG puxemos enriba da mesa á hora de negociar os orzamentos e o alcalde negouse”, criticou a voceira do Bloque, quen considerou que nin a PP nin a PSOE lles preocupa este problema, pese a estar negociando as contas municipais desde hai días.

Debate das taxas

Iolanda Veloso subliñou que o Bloque seguirá reclamando o cumprimento deste acordo plenario e manifestou que na xuntanza tamén se falou da necesidade de aliviar a presión fiscal para as persoas con menos recursos. Recordou que entre as propostas do BNG figuraba a exención a quen cobra menos do 85% do salario mínimo interprofesional, tanto para a taxa do lixo, para as escolas infantís ou para o IMD.

“Nin sequera puidemos debater estas propostas porque o alcalde negou a posibilidade de ter un debate democrático ao respecto”, denunciou a voceira nacionalista. “Queremos que o alcalde atenda as necesidades das familias desta cidade, pero desgraciadamente vemos que non son estas as prioridades de ningún dos partidos que negocia os orzamentos”, sinalou.

Superávit do Concello

Por parte da asemblea de persoas desempregadas da CIG, Montse Barros manifestou non entender por que o alcalde non cumpría o acordo do bonobús a desempregados sen recursos mentres presume do superávit do Concello de Vigo. “Hai superávit e o alcalde subvenciona billetes de avión para as persoas que si teñen cartos para viaxar e non subvenciona un bonobús para persoas en paro sen recursos?”, preguntouse ao respecto.

“Desde a alcaldía póñenos as cousas moi difíciles aos parados”, criticou. Preguntada se mantiveran xuntanzas co PSOE e o PP sobre este asunto explicou que o alcalde díxolles que lles darían resposta nuns días “pero xa pasou máis dun mes e aínda seguimos agardando”. No tocante ao grupo popular explicou que teñen pedida unha entrevista pero que aínda non os recibiron.

 

O Bloque reclama ao goberno que cumpra o acordo plenario de establecer o bonobús para desempregados