O BNG demanda o cumprimento da proposta de convenio para a construción dun centro cultural en Coia
Iolanda Veloso anuncia que o Bloque preguntará no vindeiro pleno sobre a cesión dos terreos e a ubicación das pedras do Colexio Alemán e na Deputación sobre a partida orzamentaria correspondente
Vigo, 14 de marzo de 2014.- O grupo municipal do BNG reuniuse esta mañá con representantes dos colectivos sociais de Coia, entre os que se atopa Movemento Cidadán O noso barrio. Na xuntanza, o grupo nacionalista trasladoulles o respaldo do Bloque para que o Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra cumpran o seu compromiso de construír un centro cultural en Coia, tal e como recolle a proposta de convenio que asinaron no 2011.
Trátase dunha demanda de sobra coñecida, que xa acada o grao de culebrón, salientou Iolanda Veloso tras a reunión, quen considerou que esta demanda histórica é unha reclamación completamente xusta dado o gran número de entidades sociais e culturais do barrio que desenvolven as súas actividades pese a carecer de espazo axeitado.
A portavoz municipal do BNG explicou que PSOE e PP adquiriron un compromiso coa veciñanza de Coia a través da sinatura dunha proposta de convenio entre José Manuel Mariño, delegado da área de Urbanismo en representación do alcalde, e José Manuel Figueroa, en representación do presidente da Deputación de Pontevedra, e Emilio Suárez, en representación do Movemento cidadán O noso barrio.
En virtude deste documento, a administración local comprometíase a ceder os terreos situados na Bouza mentres que a administración provincial debería dotar dunha partida orzamentaria de 3,8 millóns para reconstruír do chamado Colexio Alemán. Malia que a proposta de convenio recolle incluso prazos, o certo é que non está nin iniciado, comentou Iolanda Veloso.
Desbloquear o proxecto
Agardamos que este asunto tamén se poida desbloquear para que o Concello e a Deputación cumpran coa veciñanza de Coia, destacou a voceira nacionalista, quen considerou que é outro dos temas sobre os que só se produciu un cruce de acusacións entre PP e PSOE.
Neste sentido avanzou que no vindeiro pleno o BNG presentará unha pregunta sobre a cesión dos terreos e a ubicación das pedras do coñecido como Colexio Alemán. Asemade, Iolanda Veloso anunciou que na Deputación de Pontevedra preguntará sobre a partida orzamentaria correspondente á execución deste proxecto.
Segundo destacou a responsable do Bloque vigués, trátase dun compromiso adquirido non só diante das administracións, senón tamén coa veciñanza, en referencia á asemblea veciñal celebrada en Coia na que dirixentes populares e socialistas asumiron o compromiso de construír esta dotación cultural.
Gustaríanos que se desbloqueara este proxecto porque é importante para a cidade e non supón un custe adicional nos orzamentos municipais, manifestou Iolanda Veloso, quen recalcou que é unha reclamación xusta para o barrio.