O Bloque reclama información sobre o plan de remodelación de liñas de transporte urbano

O Bloque reclama información sobre o plan de remodelación de liñas de transporte urbano

Iolanda Veloso critica que se anunciaran os cambios sen contar cos grupos políticos e a cidadanía e reclama vontade de negociación para acadar o transporte metropolitano

OLYMPUS DIGITAL CAMERA

Vigo, 5 de febreiro de 2014.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, anunciou que o grupo nacionalista presentou un escrito no rexistro do Concello demandando unha copia do plan de remodelación de liñas do transporte público de viaxeiros, así como sobre os criterios que rexeron a súa elaboración. “Pola información publicada nos medios de comunicación é difícil facerse unha idea de en que consiste a reforma”, criticou.

Iolanda Veloso lembrou que na última comisión de transporte celebrada, ademais de dar conta da subida do prezo do autobús, anunciouse unha seguinte xuntanza para valorar a modificación das liñas de transporte. “Porén, atopamos un anuncio por parte do alcalde e Vitrasa da modificación das liñas que non sabemos de onde sae”, sinalou.

A responsable nacionalista tamén recordou que no último pleno resultou aprobada unha moción do BNG na que se demanda a revisión e modificación das liñas e da concesionaria, “pero o goberno non facilitou ningunha información sobre esta modificación e con que criterios se elaborou”, apuntou ao respecto.

Preocupación nas parroquias

“Non só nós non temos información, a veciñanza tampouco sabe as modificacións das liñas que utiliza e denuncia que polo que leron na prensa quedarían sen o servizo que actualmente utilizan para ir ao seu posto de traballo”, denunciou Iolanda Veloso, transmitindo as queixas dos veciños e veciñas de diversas parroquias de Vigo que se poñen en contacto co BNG.

Para a nacionalista, esta situación “confirma que o goberno non só non se fala cos grupos políticos”. Ao seu xuízo, “o problema é que non fala con ninguén”. Asegurou que antes de poñer en marcha calquera tipo de remodelación, o goberno debería ter en conta os prexuízos que as reformas ocasionen á veciñanza.

“Existe unha preocupación moi grande nas parroquias, que coñecemos sen necesidade de poñer en marcha outro correo electrónico”, comentou ironicamente, ao tempo que se fixo eco do descoñecemento que teñen os condutores dos autobuses a respecto das modificacións.

Transporte metropolitano

Iolanda Veloso sinalou que da man dos problemas do transporte urbano está o debate sobre o transporte metropolitano. Destacou que a mobilidade na área de Vigo agravouse pola decisión do alcalde de recortar a tarxeta verde ás persoas non empadroadas na cidade. “Esta é unha medida que non beneficia a ninguén, porque aos empadroados tampouco nos reporta nada”, apuntou.

A portavoz nacionalista criticou que non hai “vontade nin interese” de poñer en marcha o transporte metropolitano por parte do alcalde nin por saber cales son as propostas da Xunta. Neste sentido tamén denunciou as medidas prexudiciais adoptadas polo goberno galego a respecto do transporte de ría ou a conexión con outras localidades como é o caso de Gondomar.

“Esperemos que por parte da Xunta e do alcalde fagan da vontade de ter transporte metropolitano unha realidade e se preste un servizo en condicións”, manifestou. Iolanda Veloso concretou que en cada zona hai que estudar os desprazamentos e as necesidades existentes, ademais de negociar entre a Xunta e os distintos concellos afectados, co obxectivo de que o transporte colectivo sexa máis eficiente e accesible. Para a portavoz municipal do BNG, na actualidade “existe un grave problema de xestión e de ganas de negociar por apostar polo transporte metropolitano”.

 

O Bloque reclama información sobre o plan de remodelación de liñas de transporte urbano