O BNG promove unha campaña para que o anteproxecto da lei do aborto non chegue a lei
Carme Adán e Iolanda Veloso destacan o intenso traballo desenvolvido polo Bloque contra a agresión do PP aos dereitos das mulleres
Vigo, 7 de febreiro de 2014.- A deputada no Parlamento galego, Carme Adán, e a portavoz municipal, Iolanda Veloso, presentaron en Vigo a campaña que está desenvolvendo o Bloque contra a reforma da lei do aborto que leva a cabo o PP baixo o lema Polo dereito a decidir: aborto libre e gratuíto.
No BNG traballamos para que o anteproxecto de lei do aborto non chegue a lei, destacou Iolanda Veloso tras o reparto informativo dun manifesto que tivo lugar na rúa Príncipe, e no que tamén participaron o concelleiro Santi Domínguez e o responsable comarcal da fronte nacionalista, Manuel Caride.
A portavoz municipal salientou o traballo realizado polo BNG tanto desde o ámbito institucional como na rúa, co obxectivo fundamental de paralizar un anteproxecto de lei que fai retroceder os dereitos das mulleres e propón un marco máis restritivo que o de 1985.
Iolanda Veloso lembrou asemade que o pleno do Concello de Vigo aprobou unha moción na que se reclama a retirada deste proxecto de lei, que saíu adiante cos votos a favor de BNG e PSOE e a abstención do PP. Esta iniciativa tamén demanda, a proposta do Bloque, instar á Xunta de Galiza a garantir a realización de abortos nos hospitais públicos galegos e a posta en marcha dunha campaña de formación e información sobre métodos anticonceptivos, fundamental para evitar embarazos non desexados e prácticas sexuais de risco.
Trabas na sanidade pública
A deputada do Bloque, pola súa banda, destacou que o BNG levará estas iniciativas ao Parlamento galego posto que o PP impón en Galiza numerosas trabas para impedir a realización deste dereito na sanidade pública. No BNG esiximos que os hospitais públicos galegos atendan a demanda existente de realización de interrupcións voluntarias de embarazo para garantir a igualdade social e económica, subliñou.
Segundo explicou Carme Adán, o aborto debe garantirse nas mellores condicións sanitarias e polo tanto nos hospitais públicos. Ao respecto criticou que Feijóo faga críticas para a galería mentres desde que é presidente da Xunta aplica medidas que impiden ás mulleres exercer este dereito na sanidade pública.
As referencias á Red Madre na información facilitada pola Xunta ás mulleres previamente a consentir a interrupción voluntaria do embarazo é exemplo da actitude do goberno galego, concluíu.