O Bloque reclama toda a documentación sobre as axudas públicas concedidas a Pescanova
Carme Adán e Iolanda Veloso denuncian que Galiza está en estado de liquidación, tanto no sector financeiro como no industrial
A deputada Carme Adán e a portavoz municipal Iolanda Veloso expresaron a preocupación do Bloque pola dramática situación do sector industrial de Vigo, e concreto pola actual liquidación de Pescanova. Neste sentido reclamaron que o goberno galego remita ao Parlamento toda a documentación das axudas públicas recibidas por Pescanova nos últimos 8 anos, que suman máis de 44 millóns.
Independentemente das manobras que se están realizando, a realidade é que Pescanova é unha empresa que se está liquidando e que vai provocar un forte aumento das persoas desempregadas na nosa comarca, advertiu a portavoz municipal.
Iolanda Veloso fixo fincapé na gravidade do sector industrial vigués, dada a situación na que se atopa Freiremar, e incluso os EREs que se están producindo na industria do automóbil. Diante desta situación salientou que o BNG ten presentado no Parlamento diversas iniciativas para impedir o desmantelamento do sector galego en xeral, e vigués en particular.
Estamos nun fin de ano no Galiza está en liquidación, denunciou Carme Adán, ao tempo que subliñou que o feito de que Pescanova está en liquidación non só o dicimos nós, senón tamén os pequenos accionistas, en alusión ao publicado estes días na prensa.
Revisión dos expedientes
Carme Adán resaltou que Pescanova é unha das empresas que máis cartos públicos recibiu, en total máis de 44 millóns nos últimos oito anos, ademais de 4 millóns en forma de préstamo participativo, polo que informou de que ao respecto, o Bloque presentou unha proposición non de lei no Parlamento galego para o seu debate en pleno e en comisión.
Reclamamos toda a documentación das axudas públicas e que o goberno, cos mecanismos dos que dispón, as revise, demandou Adán, quen insistiu en que se debe remitir todos os expedientes e as facturas posto que son moitos cartos de todos os galegos e galegas.
Neste sentido sinalou que a proposta do BNG reclama asemade a creación dunha comisión de investigación sobre o uso realizado pola empresa das axudas públicas que recibiu.
Pescanova é unha das empresas que máis cartos recibiu, así como un trato de favor por parte dos gobernos do PP, denunciou a deputada nacionalista, quen criticou o silencio de Feijóo perante a grave situación da empresa.