O pleno aproba a proposta do BNG de crear un bono de autobús para parados de longa duración
Vigo, 8 de xaneiro de 2014.- O grupo municipal do BNG acadou o respaldo unánime da corporación para instar ao goberno local a creación dun novo bono para o servizo de autobús urbano que o faga gratuíto para as persoas desempregadas de longa duración con ingresos inferiores ao Salario Mínimo Interprofesional, e aquelas que carezan de fonte de ingresos.
É un esforzo que cómpre facer, subliñou a portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso na defensa da moción. Ademais recordou que as persoas desempregadas de longa duración que non perciben subsidios nin axudas non teñen acceso a ningunha outra tarifa reducida no servizo público de transporte vigués.
Pola contra, sinalou que a tarifa reducida que existe para o uso deste servizo, subvencionada polo Concello, está destinada a persoas que cobran o subsidio de desemprego ou a Renda Activa de Inserción. Segundo explicou, esta situación provoca que moitas persoas que non teñen ningún ingreso non poden gozar de descontos no transporte urbano impedíndolles o acceso a un servizo básico por falta de recursos económicos.
Críticas á subida do billete
A voceira nacionalista criticou que o goberno local decidira subir o billete ordinario en lugar de buscar a eficiencia dun servizo público tan necesario como transporte urbano colectivo. Segundo lembrou, o BNG defende a reordenación das liñas do transporte de xeito que melloren a súa eficacia, tendo en conta que se trata dun servizo deficitario que na actualidade non presta os servizos que necesita a cidadanía.
Búsqueda de recursos
En resposta ás críticas efectuadas polo concelleiro socialista contra esta proposta, Iolanda Veloso apuntou que o goberno local debería mirar para os concellos nos que se remunicipalizan os servizos e buscar os recursos necesarios para garantir a prestación dos servizos con eficacia. Nós traeriamos recursos de publicidade e propaganda e cando vostedes presenten os orzamentos seguro que se nos ocorren máis ideas, manifestou. Neste liña destacou que precisamente é o grupo socialista quen está gobernando e polo tanto ten a responsabilidade de buscar os recursos para garantir o transporte das persoas que carecen de ingresos.
Mocións en galego
No apartado de Rogos, a portavoz municipal nacionalista Iolanda Veloso reclamou ao goberno local a deixar de utilizar os tradutores automáticos para presentar mocións en galego. Son de vergonza. Presenten as mocións en lingua galega e correctamente, a ser posible, subliñou.
Por outro lado, no seu rogo Santi Domínguez instou ao alcalde a recibir aos traballadores e traballadoras de Alfageme. Fixo referencia á situación tan complicada que atravesan xa que despois de tres anos aínda non recibiron as súas indemnizacións.