O Bloque reclama á Xunta e á Deputación que fagan efectivo e real o seu compromiso co Marco
Iolanda Veloso critica que Louzán faga explícito que o organismo provincial non vai garantir ningún servizo do museo vigués
A portavoz municipal do BNG e deputada provincial, Iolanda Veloso, denuncia que o PP mantén a súa liña de destrución de espazos culturais, tal e como hoxe puxo de manifesto o presidente da Deputación de Pontevedra coa súa falta de apoio ao museo Marco. Para a nacionalista, a vontade real do Partido Popular sobre este museo poderase comprobar na tramitación dos orzamentos da Xunta.
Iolanda Veloso lamenta que o presidente do organismo provincial resolvera, diante dos propios empregados do museo vigués, cun tomamos nota do seu comentario a súa pregunta sobre se a Deputación ten previsto asinar algún tipo de convenio co Marco a fin de garantir o servizo de seguridade. É lamentable que Louzán rexeite responder, tendo en conta que despois de decidir a saída do Padroado do museo, anunciara a posibilidade de establecer acordos puntuais, sinalou.
Segundo a portavoz nacionalista, o servizo de seguridade do museo Marco trátase dun servizo básico, xa que é indispensable para garantir a seguridade de actividades como as infantís. Explica que a decisión da Deputación de Pontevedra de abandoar o Padroado do Marco ten consecuencias directas no funcionamiento cotiá do museo, como a redución de persoal e a eliminación de servizos fundamentais.
Emenda aos orzamentos da Xunta
Na votación das emendas aos orzamentos da Xunta, o PP ten a oportunidade de demostrar o seu compromiso co Marco aprobando a emenda presentada polo BNG, salientou Iolanda Veloso. Fixo así referencia ás declaracións do conselleiro de Educación nas que afirmaba a intención manter o compromiso co Marco e achegar ao museo 140.000 euros neste 2013.
Neste sentido, a portavoz nacionalista destacou que entre as emendas do BNG aos orzamentos da Xunta figura unha referida a este museo, cifrada en 160.000 euros. Aprobando esta iniciativa os populares teñen unha boa oportunidade de amosar o seu compromiso efectivo e real co museo vigués, afirmou.