O BNG critica que as axudas ao galego só representan o 0,06% dos orzamentos da Xunta
Carme Adán e Iolanda Veloso fan un chamamento á participación na mobilización de Queremos Galego do domingo para demandar das administracións apoio á lingua galega
A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, e deputada Carme Adán, criticaron a falta de apoio á lingua galega por parte das administracións. Neste sentido salientaron que as axudas ao galego nos orzamentos da Xunta supoñen unicamente o 0,06%, situándose en niveis mínimos, mentres que no 2009 representou o 0,25%.
Para Iolanda Veloso cómpre, en consecuencia, demandar maior apoio por parte das administracións, precisamente dende a cidade que máis falantes de galego perde nos últimos anos, nomeadamente entre a mocidade.
A portavoz municipal nacionalista, expresou a preocupación do BNG pola perda dun sinal de identidade, pero tamén pola perda dun elemento fundamental na formación dos mozos e mozas que supón un valor engadido á hora de atopar emprego.
Coñecer galego abre portas para postos de traballo relacionados con países da lusofonía; é un idioma que nos achega ás economías emerxentes, explicou Iolanda Veloso.
Por outro lado, a portavoz municipal do BNG salientou a estreita relación entre galego e un sector industrial estreitamente vencellado coa cidade, como é o editorial. Ningún sector industrial viu reducido tanto as subvencións da Xunta, que en Vigo ten unha repercusión evidente na destrución de postos de traballo, asegurou.
Á cabeza da destrución de emprego
A deputada Carme Adán nesta liña lamentou que Galiza volve a encabezar a destrución de emprego, ao aumentar en 37.000 persoas en 2012 a respecto do 2011, un 15,4% máis, e situarse a taxa no 21,28% segundo os datos da EPA coñecidos hoxe.
A destrución de postos de traballo chega a todos os ámbitos, nomeadamente ao cultural, destacou. Neste sentido criticou as consecuencia da forte redución das axudas do goberno galego á cultura e á lingua.
Baixada das axudas aos medios e ás editoriais
Carme Adán apuntou que os orzamentos para 2013 destinados á normalización lingüística baixaron o 29,6% a respecto do 2012, pero o 71,1% a respecto do 2005.
Afondando nestes datos, explicou que a partida para convenios cos medios de comunicación para o fomento do galego reduciuse un 89,1% a respecto de 2005 e un 12,5 % comparándoa co 2012. Tamén sinalou que as subvencións destinadas ás empresas editoriais reducíronse o 79,2% a respecto de 2005 e o 16,7% en relación a 2012.
Á vista destes datos, as nacionalistas fixeron un chamamento aos vigueses e viguesas a participar na mobilización convocada pola Plataforma Queremos Galego o vindeiro domingo, 28 de xaneiro, ás 12 horas na Alameda compostelá.