Iolanda Veloso: "O goberno debe buscar solución aos traballadores que se manifestaron no pleno"
Tras a decisión do alcalde de suspender o pleno da corporación viguesa, a portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, defendeu que o goberno local debe buscar solución ao problema laboral dos traballadores e traballadoras do Marco, IMD e Linorsa que hoxe expresaron as súas reivindicacións durante a sesión.
No BNG pensamos que o goberno local pode buscar solucións, salientou Iolanda Veloso, quen sinalou que moitos dos traballadores e traballadoras que protestaron na sesión plenaria sufrían directamente as decisións e os recortes que levan a cabo as administracións.
A portavoz municipal nacionalista asegurou que o BNG sempre apoia as demandas dos traballadores e traballadoras tanto do sector público como do privado e neste sentido salientou que é fundamental escoitar as reivindicacións cidadás e o goberno municipal ten que escoitalas.
Ampliación do fondo de acción social
A respecto do único punto aprobado (por unanimidade) na sesión plenaria antes da súa suspensión, a ampliación do fondo de acción social, Iolanda Veloso salientou que experimenta un aumento importante, ao alcalzar os 300.000 euros coa modificación realizada.
Alégranos comprobar que houbo vontade por parte do goberno local para apoiar aos empregados públicos dentro da legalidade, sinalou no seu turno de debate sobre esta cuestión, ao chegarse a un acordo para compensar unha decisión inxusta, como é a supresión da paga extraordinaria.
En resposta ás preguntas dos medios explicou que a cantidade a cobrar dependerá da negociación cos sindicatos e do que solicite cada traballador ou traballadora. O fondo está regulado e non só establece canto canto, senón tamén a finalidade, como educación, sanidade ou formación... que deben estar xustificadas por cada traballador, especificou.
Preguntada sobre a posibilidade de que a continuación do pleno se celebre a porta pechada, Iolanda Veloso lembrou que o BNG nunca estivo de acordo con que os plenos se celebren a porta pechada.