O BNG acada o respaldo de PP e PSOE para aprobar as emendas ás taxas municipais de 2013
O portavoz municipal do BNG destacou este martes que o Bloque conseguiu forzar o acordo co PSOE e o PP para aprobar por unanimidade as emendas ás taxas municipais presentadas polo goberno local. Segundo afirmou Santi Domínguez tras a xunta de voceiros, a probación das emendas nacionalistas suporán a conxelación da tarifa da auga, a redución nun 10% da tarifa as actividades económicas que viron aumentado o IVE do 8 ao 21% e a inclusión de dous novos colectivos desfavorecidos na redución por renda, como son persoas desempregadas de longa duración e persoas dependentes.
Grazas ao traballo do BNG os vigueses e as viguesas tampouco terán que pagar nin un céntimo máis polo transporte público urbano para 2013, tal e como se comprometeu o alcalde destacou o nacionalista, para quen estes logro son unha mostra palpable de que o Bloque traballa en defensa dos intereses da cidadanía e en especial das persoas que máis o precisan.
Santi Domínguez sinalou que para o Bloque é imprescindible a elaboración dun estudo para a tarificación do recibo da auga en base ao consumo. Pero mentres este estudo non estea rematado e non se aprobe o novo sistema de tarificación, queremos que non se aplique a suba do IPC e así o trasladamos na xuntanza, engadiu ao respecto.
Paliar as consecuencias da crise
Por outro lado, para o portavoz municipal do BNG a aprobación do aumento do 2% nos mínimos exentos de ingresos representa un paso máis no noso traballo de paliar as consecuencias da crise nas familias viguesas.
A respecto da taxa do lixo tamén salientou a importancia da aprobación das emendas nacionalistas. Ao conseguir a redución do 10% da tarifa aos establecementos que viron incrementado o tipo de IVE do 8% ao 21%, como cines, droguerías, florerías, papelarías, perruquerías, ximnasios e clínicas veterinarias, estamos potenciando a actividade económica na nosa cidade, afirmou.
Na situación de fonda crise económica pola que atravesa Vigo, Santi Domínguez considerou que a inclusión dos colectivos de desempregados de longa duración e dependentes nos supostos de coeficientes redutores de renda, é de xustiza. Ao seu xuízo o goberno local non podía mirar para outro lado ante a situación desesperada de moitas familias, que vén como as decisións do goberno central e da Xunta os aboca á exclusión social.