As emendas do BNG ás taxas municipais e a conxelación do prezo do bus son innegociables
"O mantemento dos servizos sociais e o emprego, así como a conxelación do prezo do Vitrasa son absolutamente innegociables, salientou Santi Domínguez durante a presentación das emendas ás taxas municipais. A concelleira Iolanda Veloso destacou que as conxelacións plantexadas polo Bloque, tamén á tarifa da auga, atinxen a cuestións que afectan á cidadanía e especialmente ás persoas con máis dificultades.
O portavoz municipal do BNG destacou, por unha banda, que a subida das taxas municipais ten que reflexarse no incremento das partidas de servizos sociais e o plan de emprego municipal. O 2,1% é a mínima cantidade que hai que subir en emprego e servizos sociais, destacou.
Santi Domínguez engadiu que tamén é innegociable outro aspecto, como é a conxelación do prezo do Vitrasa no 2013, despois de que o ano pasado repercutir a suba do IVE. De non ser aceptadas estas propostas, o BNG non votará as propostas das taxas municipais, salientou.
Para o nacionalista, as diferentes medidas que propón o Bloque son perfectamente viables e non desequilibran para nada as contas do Concello. Se as contas están tan ben saneadas e nos permitimos aumentar o 2,1% non podemos permitir que os cidadáns e cidadás paguen máis, destacou.
Tarifa da auga
Iolanda Veloso explicou polo miúdo en que consisten as emendas presentadas polo Bloque. Esiximos a elaboración inmediata dun estudo para a tarificación do recibo da auga en base ao consumo, defendeu a concelleira nacionalista, para quen cómpre cumprir o acordado no pleno de aprobación das ordenanzas fiscais do pasado ano e na moción aprobada no último pleno. Ao respecto apuntou que mentres se realiza este estudo e non se aprobe o novo sistema de tarificación, o BNG propón a conxelación da taxa pola prestación de servizos de subministro de auga potable, non aplicándolle a suba do IPC.
O Bloque solicita tamén que se incremente o 2% nos mínimos exentos de ingresos que ata agora son de 3.752 euros e 5.861 euros no caso das familias numerosas. Desta maneira, os novos mínimos de ingresos brutos per capita por debaixo dos cales se estarían exentas de taxas pasarían a ser 3.827 euros e 5.987 euros respectivamente.
Taxa do lixo
Iolanda Veloso sinalou que outras dúas emendas se refiren á taxa do lixo. Por un lado reclámase a redución nun 10% da tarifa as actividades económicas que viron incrementado o tipo de IVE do 8% ao 21%, como son cines, droguerías, florerías, papelarías, perruquerías, ximnasios e clínicas veterinarias.
Ademais defendeu a introdución de novos supostos de coeficientes redutores de renda para dous colectivos desfavorecidos: desempregados de longa duración e dependentes, de xeito que se engaden as grupos xa contemplados como persoas con máis de 65 anos, vivendas dunha soa persoa, familias monoparentais e mulleres vítimas da violencia de xénero.
A concelleira do BNG debullou os distintos casos que poden acontecer tendo en conta estes criterios. No caso de persoas que tendo cargas familiares levasen en situación de desemprego máis de 22 meses initerrompidos, aplicarase aos seus ingresos brutos un coeficiente do 0,35. No caso de persoas en situación de dependencia en calquera dos seus tres grados aplicarase aos seus ingresos un coeficiente do 0,50. No caso das persoas dependentes maiores de 65 anos aplicarase un coeficiente do 0,35. Finalmente, no caso das persoas dependentes que fosen maiores de 65 anos e residan soas aplicarase un coeficiente do 0,30.
Entendemos que con estas emendas centrámonos en aliviar o pago das taxas das persoas que están nunha situación complicada, así como o aumento do IVE para os establecementos, sinalou.