O BNG acada o respaldo dos sindicatos para reclamar ao alcalde consenso e que convoque o CES
Iolanda Veloso destaca que a celebración do Consello Económico e Social serviría para "poñer sobre a mesa os puntos de unión que temos sobre Peinador"
As centrais sindicais maioritarias da cidade apoiaron a demanda do BNG para que o alcalde vigués convoque o Consello Económico e Social e aúne forzas para defender Peinador, tal e como manifestaron os secretarios comarcais de CCOO, UGT e CIG tras a xuntanza que mantiveron coa portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, o responsable local do Bloque, Henrique Viéitez.
Nesta xuntanza quixemos trasladar ás centrais sindicais a nosas alternativas para Peinador, explicou Iolanda Veloso ao remate da reunión. Segundo destacou, o documento elaborado pola formación nacionalista inclúe medidas para que a terminal viguesa poida saír adiante dentro do sistema aeroportuario galego.
A portavoz municipal do BNG insistiu en instar ao alcalde que convoque o CES, para que a concentración do 19 sexa cidadá e non de partido, salientou. Neste sentido, destacou a coincidencia do Bloque e as centrais sindicais na pertinencia de convocar o CES.
Ao seu xuízo, a convocatoria deste organismo, -do que forman parte as formacións políticas, os sindicatos, a Universidade, a Favec e diversos colectivos empresariais da cidade-, serviría para poñer enriba da mesa os puntos que nos unen na defensa de Peinador.
Convocatoria partidista
Iolanda Veloso salientou que onte demostrouse a que a convocatoria feita polo alcalde para o día 19 é unha convocatoria partidista. Asegurou que así o confirma o feito de que non nos contestara o alcalde, senón un cargo orgánico do PSOE.
Para a portavoz nacionalista, este feito conforma que nesta convocatoria para a vindeira semana o alcalde fai un uso partidista da institución.
Pagos á orchestra
Non hai para pan e pagamos estampitas, contestou Iolanda Veloso á pregunta feita polos medios sobre que o Concello de Vigo paque a actuación da orchestra Panorama o día 19. Ao respecto, as tres centrais sindicais manifestaron tamén a súa disconformidade de que se pague con diñeiro público esta actuación.