O BNG acusa ao goberno local de incapacidade para xestionar os recursos durante os últimos dous anos
Iolanda Veloso culpa ao alcalde de non conseguir apoio no seu partido e actuar en función de intereses electoralistas.
Santi Domínguez salienta que o goberno vigués inventou un novo axioma matemático: 4+2 = 4.
Xabier Alonso critica o déficit democrático de Caballero.
A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, e os concelleiros Santi Domínguez e Xabier Alonso, fixeron hoxe balance dos dous anos do goberno vigués en minoría, encabezado por Caballero, ao que acusaron de incapacidade para xestionar os recursos propios e de falta de liderazgo na cidade. Criticaron tamén a falta de novas iniciativas fronte ás emendas presentadas polo Bloque en servizos sociais, emprego ou ensino.
Ademais de subliñar a incapacidade do alcalde para liderar a cidade e conseguir consensos cidadáns, Iolanda Veloso tamén criticou que Caballero non é quen de facer que outras administracións cumpran coas súas obrigas e competencias coa cidade e incluso de non conseguir o apoio do seu propio partido é de sacarlle partido a ser o vicepresidente da FEMP. Estamos agardando a que iso lle serva para algo a esta cidade, máis alá de que de vez en cando el vaia a Madrid, destacou.
Pero unha eiva fundamental do goberno de Caballero, segundo destacou a portavoz nacionalista, consiste en que o alcalde non é capaz de xestionar os propios recursos, Para Iolanda Veloso isto é debido en boa parte á descoordinación que existe entre os diversos departamentos municipais. Todo ten que pasar por alcaldía, que o paraliza todo ao actuar como un funil, sinalou.
Exemplo destes graves problemas de xestión -segundo os calificou Iolanda Veloso-, é a incapacidade para poñer en marcha o plan de compensación contra a crise, unha das emendas do BNG aos orzamentos de 2013 que está sen executar. Para a xente que necesita pagar recibos e comer hai cousas que van máis alá das cuestións simbólicas, dixo en referencia a importancia que o alcalde lle concede a Peinador fronte á grave situación pola que atravesan moitas familias viguesas.
Responsabilidades do alcalde
Escolle como símbolo Peinador porque non pode escoller o porto, xa que ten moito que ver co feito de que non sexa nodal, ou o AVE, engadíu. Neste sentido, a portavoz nacionalista criticou que o alcalde se atribúa as iniciativas postas en marcha polo BNG durante a etapa na que tivo responsabilidades de goberno, pero tamén as obras desenvolvidas por outras administracións. Se el se atribúe a estación do AVE, tamén será responsable de que Vigo non teña AVE, apuntou.
Afondando nesta liña, Iolanda Veloso puxo de manifesto os diversos problemas da cidade nos que o alcalde ten responsabilidade. Así, mencionou a situación do sector naval, o desemprego, o tax lease, a xustiza (coa polémica pola supresión do partido xudicial e a cidade da xustiza) e o novo hospital.
Intereses electoralistas
A portavoz municipal do BNG puxo de manifesto o cambio de postura levado a cabo por Caballero ao comparar a negativa a cumprir o convenio do novo hospital (tema no que tivo o apoio do BNG), coa negativa a asumir o transporte metropolitano fronte ao empeño en querer pagar parte dos billetes de avión a un señor de Guimaraes, por exemplo, sinalou. Segundo Iolanda Veloso este cambio débese a que o alcalde está xa en campaña, de xeito que o seu discurso vai variando xa non en función de intereses partidistas senón por intereses electoralistas.
Parón total
Pola súa banda, Santi Domínguez asegurou que o goberno vigués inventou un novo axioma matemático, polo que o resultado dos catro primeiros anos do goberno de Caballero, nos que o BNG tivo responsabilidades de goberno, máis os dous da lexislatura actual suman catro. Analizando a realidade temos que dicir que estes dous anos de goberno municipal significan un parón total a respecto das iniciativas postas en marcha no anterior goberno, salientou o concelleiro nacionalista. Segundo explicou, nestes dous anos non se puxo en marcha ningunha nova iniciativa relevante, ben sexa no eido deportivo, cultural ou do benestar.
Pola contra, sinalou que Caballero unicamente está preocupado polo seu propio perfil sen ter en conta ningún dos problemas que afectan á cidadanía e que as únicas iniciativas nestes dous anos foron postas enriba da mesa polo BNG.
Falta de diálogo social
Xabier Alonso, pola súa parte, ademais de criticar a falta de peso político do alcalde e a súa incapacidade de influír no seu propio partido (como no caso do porto nodal), salientou a súa falta de diálogo coa sociede. Para o edil do Bloque, esta actitude leva ao alcalde a ter un déficit democrático que ao seu xuízo debe corrixir.
Oposición construtiva
Fronte esta falta de xestión e de novas medidas do goberno local, Iolanda Veloso asegurou que o BNG manterá unha oposición construtiva presentando alternativas para que o goberno mude os seus criterios e atenda as necesidades da cidadanía. Asemade destacou que o grupo municipal nacionalista seguirá chamando a atención sobre as necesidades dos vigueses e viguesas.
Pedímoslle ao alcalde que estableza as súas prioridades en función das necesidades da cidadanía e, dito claramente, que se deixe de parvadas e de ter unha atitude vitimista de chairego solitario, concluíu a portavoz municipal do BNG.