O Bloque insta ao alcalde a convocar o Consello Económico e Social para impulsar Peinador
Iolanda Veloso reivindica que sexa o CES quen convoque a concentración cidadá e non Caballero.
Henrique Viéitez reclama a posta en marcha do plan director do aeroporto vigués e do plan de rutas.
A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, e o responsable local do Bloque, Henrique Viéitez, explicaron a postura da fronte nacionalista sobre a situación de Peinador. Se por unha banda Henrique Viéitez considerou que a polémica sobre o aeroporto vigués é interesada en ocultar a falta de xestión, Iolanda Veloso demandou a Caballero que convoque o Consello Económico e Social para que sexa esta entidade quen convoque a concentración cidadá en defensa de Peinador.
Iolanda Veloso lembrou que no Consello Económico e Social están representados as formacións políticas, así como os sindicatos, Universidade, Favec e diversos colectivos empresariais da cidade, polo que salientou a idoneidade de que esta institución convoque a concentración. Nós planteamos que a concentración sexa realmente unha concentración cidadá e por iso pedimos ao alcalde que convoque o CES, salientou.
O BNG participará no CES e nunha concentración que fose cidadá, pero non nunha dun partido político que a mantenta está desviando a atención do problema de Peinador, subliñou a portavoz municipal do Bloque. Neste sentido Veloso criticou o uso partidista que está a facer o alcalde da institución que representa. Non imos ir a ningún sitio na defensa de Peinador cando o alcalde está facendo un uso partidista da institución sen querer chegar a consensos, manifestou.
Precisamente lembrou que o grupo municipal do Bloque propuxo a celebración dun pleno extraordinario para abordar o futuro da terminal viguesa que foi rexeitado polo alcalde. Pero no BNG insistimos na necesidade de chegar ao consenso, defendeu.
Alternativas reais
Segundo destacou a portavoz municipal nacionalista, non se están falando dos problemas reais de Peinador nin se están poñendo enriba da mesa alternativas reais. Defendeu que a solución do aeroporto vigués non pasa por subvencionar liñas aéreas, como defende o alcalde exercendo de chairego solitario.
Ao respecto criticou tamén que Caballero non sexa quen de acadar que as administracións implicadas asuman as súas respectivas responsabilidades. No canto de dedicar tanto tempo a convocar unha concentración, a nós nos gustaría que dedicase o seu tempo a xestionar os 3,2 millóns do plan de compensación contra a crise, subliñar.
Comité de rutas
Na presentación das alternativas que propón o Bloque para solucionar os problemas de Peinador, Henrique Viéitez considerou que non se pode ver de xeito aillado á terminal viguesa, senón integrada no sistema aeroportuario galego, posto que é un elemento esencial do desenvolvemento económico do sur da provincia de Pontevedra e de todo o país.
Neste sentido criticou a xestión desenvolvida desde a Xunta de Galiza e salientou que desde que Núñez Feijóo accedeu ao goberno galego foi desentendéndose deste sistema abandoando o plan de rutas, posto en marcha antes da súa toma de posesión.
A alternativa do BNG pasa pola transferencia de competencias, a especialización e a complementariedade das tres terminais; pero mentres nos se traspasan propoñemos que se retome o comité de rutas, explicou Viéitez, quen sinalou que ese comité debe planificar o mapa de rutas das terminais galegas para os vindeiros anos.
Plan director
No caso de Peinador o BNG non quere entrar en polémicas estériles, destacou o responsable local do BNG, ao tempo que subliñou que para o Bloque é fundamental que se desenvolva o plan director de Peinador, xa que pese a que data do 2003 e foi revisado no 2010, non foi desenvolvido.
Ampliación das pistas, mellora dos accesos e establecer a intermodalidade son algúns dos aspectos que puxo de relieve Henrique Viéitez, así como o impulso ao tráfico de mercadorías, tal e como recolle o documento da formación nacionalista. Hai que captar tráficos que se están prestando noutros aeroportos, destacou.
Nesta liña puxo como exemplo que o 80% da pesca galega non utiliza ningunha das tres terminais galegas. Entendemos que habería que facer unha ofensiva para recuperar esta actividade.
Para Viéitez, e tendo en conta que a competencia aeroportuaria non é municipal, o concello si pode implicarse na recuperación de Peinador, como é o traballo para a súa posta en valor mediante a intermodalidade e a interconexión.
Como pode haber unha soa liña que vaia ao aeroporto pero que non enlaza coa estación de bus, nin co porto nin coa estación de tren, preguntábase o responsable local do BNG. Se hai cinco conexións co Sá Carneiro cal é a razón pola que non se poden facer con Peinador. Cal é a razón para que non se promocione Peinador no norte da provincia ou en Ourense?, comentou.