O BNG acada o respaldo unánime do pleno para que o goberno subrogue o persoal das escolas municipais
Iolanda Veloso subliña que a administración local debe garantir a estabilidade laboral e a calidade dos servizos que presta
Vigo, 27 de abril de 2015.- O pleno aprobou por unanimidade a moción do BNG que insta ao goberno local a subrogar os postos de traballo das escolas infantís municipais, en concreto Atalaia, Santa Cristina e Costeira, que teñen que saír a concurso proximamente. Na defensa da iniciativa, a portavoz municipal Iolanda Veloso salientou que se trata dun servizo especialmente sensible, xa que se refire ao persoal que atende a nenos e nenas de 0 a 3 anos.
Queremos garantir que van ter continuidade nos seus postos de traballo porque o recoñecemento social e salarial que merecen é maior co que reciben, asegurou Iolanda Veloso, quen ademais asegurou que o BNG apoia todas as reclamacións laborais das traballadoras das escolas municipais.
Na súa intervención, a portavoz do Bloque destacou que a subrogación do emprego depende da vontade política do equipo de goberno, polo que o grupo nacionalista aceptou unha emenda de engádega do grupo socialista na que aseguraba ter esa vontade política. Aceptamos a emenda porque recolle a exposición de motivos da nosa moción, asegurou ao respecto.
A moción aprobada reclama ao alcalde que inclúa a cláusula de subrogación dentro do prego de prescricións técnicas para a contratación do servizo da súa xestión, co obxectivo de manter os postos de traballo. Segundo destacou Iolanda Veloso, a administración local debe dar exemplo garantindo a estabilidade laboral e o mantemento dos postos de traballo e dos dereitos das traballadoras, así como a calidade dos servizos que presta.
A voceira nacionalista indicou que aínda que a nova lei de contratación que permite non contempla a subrogación do persoal, facelo é perfectamente legal. Neste sentido explicou que noutros concellos xa se está facendo, como en Boqueixón, Becerreá, ou nas escolas que dependen do Consorcio Galego de Servizos Socias, en Coristanco e O Pino.
Tarxetas de aparcamento
No apartado de Rogos, Iolanda Veloso instou ao goberno local a estabelecer un protocolo na concesión das tarxetas de aparcamento para as persoas con discapacidade. Ademais, Iolanda Veloso preguntou polo programa de actividades correspondente ao 17 de maio, e Santi Domínguez pola tramitación das axudas sociais que aínda non se puxeron en marcha. Ámbalas dúas cuestións quedaron se contestar por parte do alcalde.