Emprego, servizos sociais e remunicipalización dos servizos centran a aposta do BNG para o 24M

Emprego, servizos sociais e remunicipalización dos servizos centran a aposta do BNG para o 24M

Serafín Otero defende a creación de postos de traballo como a primeira medida urxente do próximo goberno municipal

 

xuntanza traballo BNGVigo, 24 de abril de 2015.- A comisión electoral do BNG – Asembleas Abertas en Vigo celebrou un encontro no que participaron parte da candidatura, así como as deputadas Carme Adán e Olaia F. Davila, no que segundo salientou o candidato Serafín Otero tivo o obxectivo de “dar os últimos retoques ao programa electoral e os eixos básicos da campaña electoral”.

Tras a xuntanza Serafín Otero salientou que a creación de emprego, a potenciación dos servizos sociais e a remunicipalización dos servizos públicos, ademais da democracia participativa, son as apostas máis fortes do BNG – Asembleas Abertas de cara as municipais do 24 de maio.

“As necesidades sociais son unha das cuestións máis importantes”, afirmou Serafín Otero, quen defendeu que o BNG “ten que combater as consecuencias da crise provocada polos recortes e polas distintas reformas que realizaron o Partido Popular e o Partido Socialista”.

Duplicar o investimento

“Loitar contra esta situación é unha das medidas máis importantes e na que nos temos que centrar nos próximos catro anos no Concello de Vigo”, destacou o candidato nacionalista ao tempo que asegurou que “para nós é un compromiso fundamental”, polo que defendeu duplicar o investimento en Benestar Social.

Serafín Otero manifestou que este compromiso está estreitamente relacionado co emprego, e fixo referencia as cifras de desemprego recollidas nos datos da EPA. “Temos unha situación moi complicada para moitas familias, xa que máis de 54.000 persoas están baixo o limiar da pobreza e seguen en aumento as persoas en risco de exclusión social”, advertiu.

Ao respecto destacou que para o BNG, crear emprego é unha das primeiras medidas que debe tomar o goberno municipal saínte das eleccións municipais. “Creación de emprego e emprego digno é fundamental para nós”, asegurou neste sentido, quen recoñeceu que pese a que non se trata dunha competencia municipal “entendemos que desde os concellos tamén se poden facer políticas para crear emprego”.

Condicións laborais nas contratas

No tocante á remunicipalización dos servizos públicos destacou que este é unha das apostas centrais que fai o BNG para a vindeira lexislatura. Ao respecto manifestou asemade a necesidade de “obrigar as contratas que traballan para o Concello a que o emprego sexa o máis digno posible e se cumpra realmente as condicións laborais tal e como as teñen pactadas os seus traballadores e traballadoras”.

O candidato nacionalista tamén se referiu á democracia participativa e a sostenibilidade. “Entendemos que os cidadáns e cidadás tamén teñen algo que dicir na nosa cidade, e non poden única e exclusivamente atender a que unha persoa nos dirixa”, especialmente nunha administración tan próxima como un Concello, no que “a xente ten dereito a decidir cales van ser os seus orzamentos e facer propostas referidas aos seus barrios e parroquias”.

“Nós queremos unha cidade en rede e sostible”, afirmou Serafín Otero, quen defendeu asemade a creación de máis zonas verdes, máis zonas peonís e máis áreas deportivas.

Por outro lado, puxo en valor o traballo desenvolvido polo BNG nas distintas lexislaturas. “Non entendemos a cidade de Vigo sen o nacionalismo”, afirmou, ao tempo que asegurou que o BNG “sempre fixo propostas, moitas delas que aínda se están realizando a día de hoxe”.

“Non houbo moita máis creación por parte de outras siglas e outras organización políticas diferentes as cuestións que o BNG deixou en herdanza”, engadiu ao respecto.

 

Emprego, servizos sociais e remunicipalización dos servizos centran a aposta do BNG para o 24M