O BNG acusa ao goberno de falta de xestión por manter pechados os pavillóns de Candeán e da ETEA
A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, e o concelleiro Xabier Alonso, criticaron a falta de capacidade de xestión por parte do goberno municipal e especialmente do alcalde ao manter pechados os polideportivos de Candeán e da ETEA. Iolanda Veloso criticou ademais a falta de vontade política para dialogar e manter os postos de traballo, en referencia ao IMD.
Todas as accións teñen que pasar por Alcaldía, e ese é un problema serio, apuntou a portavoz nacionalista. Pola contra, destacou o traballo feito polo BNG no eido deportivo cando Santi Domínguez e Xabier Alonso foron concelleiros de deportes en sendas corporacións, do que o Premio Nacional de Deportes que recibiu Vigo no 2009 foi boa mostra.
Nesta liña Iolanda Veloso destacou o impulso da práctica deportiva, como elemento fundamental da saúde, como eixo da acción política realizada polo BNG no anterior mandato. Así, recordou a construción de dous novos complexos de auga (Barreiro e Florida) e dous novos polideportivos (Navia e Candeán), así como os traballos de mellora das instalacións do IMD, como a eliminación das barreiras arquitectónicas.
Cuestión electoral
Afondando nas razóns polas que os pavillóns da ETEA e Candeán están sen abrir, Xabier Alonso asegurou que responde a ver o deporte como unha cuestión meramente electoral. Ao seu xuízo estes son dous exemplos de demandas veciñais ás que o BNG tentou dar resposta dende hai anos.
A respecto da ETEA, o concelleiro nacionalista lembrou que no 2011 o BNG presentou un prego no pleno para que se abrira o pavilón, ao que se respostou que se abriría en breve. Diante desta situación para Alonso, de 2004 a 2013, as instalacións da ETEA non están abertas pola incapacidade de disitintos gobernos na xestión deportiva, e desde 2007 especialmente do alcalde.
No tocante ao polideportivo de Candeán, Xabier Alonso asegurou que a súa construción tamén é a resposta a unha demanda da veciñanza, que se fixo a través dun convenio entre o goberno municipal e a Xunta de Galiza. O BNG cumpriu a súa parte do convenio, impulsou a construción do pavillón con orzamentos do Concello e é moi grave que dous anos despois estea sen abrir, criticou.
Despidos no IMD
Nun momento como o que estamos atravesando, os últimos empregadores que teñen que provocar máis paro son as administracións, asegurou Iolanda Veloso en resposta ás preguntas dos medios sobre os despidos no IMD. Ao seu xuízo, e como xa destacou onte tras a suspensión do pleno falta vontade política para dialogar e manter os postos de traballo que son necesarios.
Sobre esta cuestión, Xabier Alonso sinalou que se trata dun erro político que se perderan once traballadores e traballadoras do IMD.