Iolanda Veloso critica que o alcalde non asuma as súas responsabilidades políticas
Tras a nova suspensión da sesión plenaria, a portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, calificou de inaudito que o alcalde se desentenda do problema das persoas que protestaron no pleno para defender o seu posto de traballo. A nacionalista subliñou ademais que o BNG non vai permitir que se desenvolvan as sesións a porta pechada.
O alcalde ten que asumir as súas responsabilidades políticas e arranxar o conflito, afirmou Iolanda Veloso. Para a nacionalista, a solución non pasa por impedir a entrada no pleno das persoas que protestaron na sesión anterior. Nesta liña explicou que un informe xurídico do secretario do pleno deu lugar a unha resolución de Alcaldía impedindo a entrada ás persoas responsables da interrupción do pleno do luns. Pero está claro que este método non funciona, salientou.
Para a portavoz municipal nacionalista, a solución pasa por xestionar este problema, ao tempo que asegurou que o problema de orixe radica en que non se tomaron as medidas axeitadas para solucionalo. Ao seu xuízo, esta situación non ten que darse, e o alcalde ten que responsabilizarse dos problemas que se dan dentro do Concello que goberna.
Preguntada pola posibilidade de que o alcalde convoque a nova sesión a porta pechada, Iolanda Veloso asegurou que o BNG non o vai permitir, ao igual que onte no Parlamento galego, engadiu.