O BNG acusa ao PSOE de crear unha “polémica falsa” sobre as coleccións de arte das caixas

O BNG acusa ao PSOE de crear unha “polémica falsa” sobre as coleccións de arte das caixas

Ana Pontón e Carme Adán subliñan que o problema real das obras sociais e culturais radica no futuro e o financiamento da fundación Novacaixagalicia

Iolanda Veloso critica que o alcalde aínda non respostou as demandas de información do Bloque sobre o patrimonio en Vigo

rolda coleccións caixas

As deputadas no Parlamento galego Carme Adán e Ana Pontón e a portavoz municipal Iolanda Veloso explicaron a posición do BNG a respecto das coleccións de arte das antigas caixas galegas. Na súa comparecencia tamén aclararon o acontecido no debate parlamentar a respecto da proposta presentada polo Bloque, que defende a unificación das coleccións correspondentes ás extintas Caixanova e Caixa Galicia nun único expediente para declaralas como Ben de Interese Cultural no seu conxunto, e que foi rexeitada polo PP e que contou coa abstención do PSOE.

As responsables nacionalistas acusaron ao PP de crear unha “falsa polémica” ao non ocuparse do “problema real” que teñen as coleccións artísticas, que é “o risco de que saian fóra de Galiza”, segundo subliñou Ana Pontón, ao non estar garantido o futuro da fundación Novacaixagalicia.

Neste sentido subliñou que o BNG quere que as obras de arte das coleccións das antigas caixas sexan “coñecidas e preservadas no noso país”, tal e como pedía a proposta defendida pola deputada no Parlamento galego o pasado martes. A este respecto considerou que a emenda presentada polo PSOE sobre “non tiña sentido” porque xa no 2011 o Parlamento galego xa aprobara por unha unanimidade un acordo ao respecto:

Acordo unánime

“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia para que promova que as coleccións de arte que tiñan Caixa Nova e Caixa Galicia sexan postas a disposición do patrimonio público galego a través do comodato, a cesión, a adquisición ou calquera outra figura das previstas na lexislación autonómica de patrimonio, mantendo a colección que está en Vigo, promovendo a súa conservación e acceso ao público, tanto a través das sedes expositivas actuais coma a través das exposicións itinerantes, e destinando un espazo nalgún dos edificios da Cidade da Cultura para difundir e poñer en valor este patrimonio artístico galego”.

“Lamentamos que neste debate só tiveramos o apoio de AGE, que o PP votara en contra e que o PSOE se abstivera”, manifestou a deputada do BNG ao respecto. Segundo destacou Ana Pontón, na proposta presentada “falamos do problema real que existe actualmente, que é o dos fondos de Caixa Galicia, e o alucinante é que PSOE e PP non apoien esta iniciativa e para distraer a atención presenten unha emenda que nin tan sequera a explicaron no pleno”.

Para a deputada nacionalista é unha “irresponsabilidade” que no momento en que está en risco a fundación se fale dun debate que non existe. “Que pasa se a fundación non ten viabilidade, como é posible que non importe o que pase coa obra social, cos cadros ou cos edificios?”, preguntouse.

Considerou que o feito de que varios cadros estean temporalmente nunha exposición nun centro social ou cultural de Vigo, Ourense, Lugo ou Coruña, (como xa acontece, por outro lado), ou na Cidade da Cultura “non é o debate real”. Pola contra, este consiste en que para garantir o futuro da fundación esta “tiña que estar regulada por lei hai máis dun ano e aínda non chegou ao Parlamento”, denunciou.

Vigo-20131114-01274

Responsabilidade de PP e PSOE

Por outra parte, Ana Pontón responsabilizou a PP e PSOE do “perigo de espolio do patrimonio galego” pertencente as antigas caixas e acumulado ao longo dos anos cos beneficios dos aforros dos galegos e galegas pola súa postura na fusión das caixas.

Neste sentido, Carme Adán lembrou que foron os deputados e deputadas de PP e PSOE os que votaron a favor desa fusión, “non así estas dúas deputadas do BNG que vos falan nin o resto do grupo parlamentar nacionalista”, aclarou. A deputada advertiu de que “esta fusión non garante a viabilidade da fundación”.

“Estamos fartas de debates estériles e falsos que trae o PSOE sen preocuparse dos verdadeiramente importante”, manifestou a deputada do Bloque, quen subliñou que o BNG “defende sempre as mesmas cousas en Vigo e en Santiago, mentres Abel Losada envía unha nota de prensa sobre unha falsa polémica”.

Falta de xestión do alcalde

A portavoz municipal do BNG, pola súa banda, lembrou que a corporación aprobou por unanimidade unha moción presentada polo grupo nacionalista na que se pedía ao alcalde que demandase á fundación Novacaixagalicia información sobre o seu patrimonio e postos de traballo na cidade. “Presentamos esta moción en maio e o alcalde non fixo nada, incluímos unha pregunta no pleno de xuño e non tiña ningunha información”, denunciou Iolanda Veloso.

Vigo-20131114-01283

“Ao alcalde non lle preocupa en absoluto o que pase coa obra social, igual que non lle preocupa a colección de arte pública máis importante do país”, subliñou a portavoz nacionalista, quen destacou que no momento de celebrarse a rolda de prensa “non podemos visitala porque están pechados os museos” e precisamente só podemos ver os cadros de Caixanova.

Para o BNG, o alcalde “non xestiona nin se preocupa do patrimonio galego e só se ocupa de crear polémicas falsas para botarlle a culpa a outros do que el non fai”. Pola contra, Iolanda Veloso defendeu que o Bloque “leva moito tempo defendendo as caixas galegas e o patrimonio, todo o contrario do que fan PP e PSOE”, asegurou.

“Por que cando Abel Caballero non pregunta nada Abel Losada pregunta precisamente polos cadros de Vigo e os gravados de Ourense, cando no debate se está falando de outra cousa”, comentou a respecto da polémica creada polo PSOE. “Cal é a intencionalidade de falar diso cando en Vigo quedamos sen un centro de ensino e sen actividades extraescolares e non sabemos que vai pasar co patrimonio. Danos a sensación de que non lle interesa buscar solucións e si crear debates falsos”, manifestou.

O BNG acusa ao PSOE de crear unha “polémica falsa” sobre as coleccións de arte das caixas