O BNG acusa ao alcalde de falta de transparencia ao non facilitar información sobre Porto Cabral
A portavoz municipal do Bloque, Iolanda Veloso, criticou a falta de transparencia do alcalde a respecto de Porto Cabral, ao non ter facilitado a información solicitada en pleno polo BNG a respecto da viabilidade e o impacto económico e social de este proxecto. Ademais, a nacionalista defendeu que o BNG ten o mérito de iniciar a tramitación do PXOM e de que a responsabilidade é de todas as forzas políticas do Concello e tamén das que non están, ao non presentar alegacións.
Parece que o goberno local actúa como emisario dun fondo de investimento sen preocupación polo impacto económico e social do proxecto, subliñou Iolanda Veloso diante do escurantismo co que actúa o goberno local sobre Porto Cabral ao non facilitar información. Non queremos imaxinar cales son os intereses do alcalde, preferimos que nolos explique, comentou en resposta ás preguntas dos xornalistas.
A portavoz nacionalista manifestou que os únicos que explicaron o proxecto foi Eurofund, pero non o alcalde. Hai un escurantismo total. Nós queremos que nos dea información, non imaxinar, sinalou, ao tempo que criticou que o alcalde non escoite ao pequeno e mediano comercio, que xa se manifestou alertando da destrución do comercio da cidade e do desprazamento de postos de traballo. O alcalde decide non escoitar e non ter en conta a opinión da xente, sinalou.
Iolanda Veloso indicou que, precisamente, para valorar as consecuencias que tería Porto Cabral, o alcalde podía ver na Coruña cal é o impacto de Marineda City no resto de centros comerciais da cidade e no pequeno comercio coruñés. Tamén pode mirar como está o da Praza Elíptica ou o centro comercial Camelias, engadiu. É cuestión de prioridades, e semella que o alcalde considera prioritario Porto Cabral e non a construción de vivienda protexida, apuntou.
Ficha de Liñeiriños no PXOM
Porto Cabral non aparece na ficha de Liñeiriños que recolle o PXOM, na que pola contra si se recollen todos os obxectivos do planeamento, destacou Iolanda Veloso, quen mencionou a rehabilitación do bosque autóctono de Cotogrande e o estabelecemento dun punto limpo. En ningún punto di que hai que facer un macrocentro comercial, subliñou. Afondando neste documento, asalientou que o PXOM indica que o proxecto que se execute nese ámbito é de iniciativa pública, polo que lle corresponde ao Concello desenvolvelo. Tendo en conta que o proxecto que se desenvolva neste ámbito debe ser de interese público non sabemos que pinta o fondo de investimento Eurofund en todo isto, comentou.
En referencia ás declaracións do alcalde nas que apelaba ao propio Plan Xeral para desenvolver Porto Cabral, Iolanda Veloso asegurou que o BNG descoñece o por que lle parece oportuno este proxecto e por que fala de prazos. É igual de obrigado cumprimento cumprir os prazos de Liñeiriños que de outros sectores que aínda non están iniciados, apuntou a portavoz nacionalista.
Nese sentido a responsable nacionalista criticou a falta de xestión na xerencia de Urbanismo. A estas alturas está máis que demostrado que a inactividade da xerencia de Urbanismo está facendo nula a xestión do PXOM, denunciou, ao tempo que defendeu que as prioridades non son facer centros comerciais. Así, mencionou o Plan do Ensanche e a promoción de vivendas protexidas. Liñeiriños debería ser o menos preocupante desde o punto de vista legal, económico e social, asegurou.
Oposición ás expropiacións
Por outro lado, a portavoz nacionalista salientou que segundo o PXOM, o desenvolvemento do planeamento debería facerse mediante expropiación pública, mais non sabemos que pensa facer o alcalde ao respecto. Neste sentido, e en resposta ás preguntas dos medios, explicou que para facer as expropiacións necesarias para desenvolver o proxecto, o goberno local ten que cualificalo como de interese público.
Gustaríanos saber como o goberno vigués vai xustificar como de interese público un macrocentro comercial dun fondo de investimento. Non pode xustificar que sexa de interese xeral, en todo caso será de interese particular, subliño, ao tempo que defendeu que para o BNG, Porto Cabral non é de interese público ao entender que os intereses dun fondo de investimento están moi lonxe de ser de interese social. O PXOM non obriga a desenvolver Porto Cabral e entendemos que este proxecto é claramente negativo para a cidade, destacou, polo que asegurou que desde o Bloque impos insistir en que non se desenvolva Porto Cabral pero gustaríanos saber claramente que opina o alcalde sobre o proxecto.
Tramitación do PXOM
Iolanda Veloso quixo aclarar algunhas cuestións relacionadas coa longa tramitación do PXOM vigués, iniciado cun alcalde nacionalista na cidade en 1999 e aprobado definitivamente en 2008. Do PXOM o BNG ten que asumir a responsabilidade do inicio da súa redacción, destacou, ao tempo que defendeu que tivo o mérito de construír un esquema de participación e seguimento cidadá buscando un Plan Xeral de consenso.
Segundo explicou, ese impulso á participación cidadá contribuíu á ralentización do PXOM, así como as diferentes prioridades dos sucesivos alcaldes da cidade: un do PSOE, unha alcaldesa do PP e o actual alcalde do PSOE. O propio alcalde asumiu o PXOM e introduciu modificacións, apuntou. Ademais, lembrou que nos primeiros meses do seu mandato a súa posición provocou enfrontamentos con distintos sectores así como a propia redactora do documento, Consultora Galega, ata que que se garantiu a súa seguridade xurídica foi aprobado pola Xunta.
A portavoz municipal do BNG asegurou que, tras este longo período de tramitación, o PXOM é un Plan Xeral de todas as forzas políticas que estamos no Concello e incluso das que non están, ao non presentar alegacións. Neste sentido considerou que de igual forma que o alcalde presume da seguridade xurídica do Plan e que ben que se ocupa de dicir que foi aprobado sendo el alcalde, ten que asumilo para o resto dos sectores.