O BNG critica o atraso da Cidade da Xustiza e que o alcalde se converta en promotor inmobiliario
Iolanda Veloso considera un despropósito que Caballero propoña vender 40 pisos municipais para pagar as expropiacións dos terreos
A portavoz municipal, Iolanda Veloso, explicou a postura do Bloque sobre a Cidade da Xustiza e criticou o atraso na súa construción debido aos desencontros entre o goberno local e a Xunta. Asemade expresou o desacordo do BNG coa posibilidade defendida polo alcalde de vender os 40 pisos municipais de Rosalía de Castro para pagar as expropiacións dos terreos.
No canto de ter 40 pisos baleiros o alcalde tiña que atender as necesidades das persoas que están na rúa, subliñou Iolanda Veloso, ao tempo que lembrou que o Bloque preguntou en reiteradas ocasións polo uso que o goberno tiña pensado dar a esas vivendas municipais, sen obter máis resposta que está en estudo.
Pola contra, o BNG defende que eses pisos poderían integrar un parque de vivenda público para atender as necesidades das persoas que quedan na rúa. Ata agora non sabía que facer coas vivendas e agora quere converterse en promotor inmobiliario?, preguntábase a portavoz municipal do Bloque.
Nós levamos tempo solicitando información sobre os pisos baleiros do Concello en Rosalía de Castro e agora el acepta vendelos para pagar os terreos. A solución que ofrece o alcalde parécenos un despropósito, destacou Iolanda Veloso, quen considerou que esa proposta non vai a ningunha parte, tendo en conta a situación inmobiliaria actual.
Segundo comentou ironicamente a portavoz nacionalista, Caballero igual debería dedicarse a ser promotor en lugar de alcalde, a quen acusou de ter desenfocadas as necesidades da cidade e ser incapaz de desenvolver un proxecto tan importante para Vigo como a Cidade da Xustiza.
Falta de vontade de PP e PSOE
Para o BNG, a Cidade da Xustiza é un dos culebróns da cidade no que nin PP nin PSOE mostraron ao longo dos anos interese en resolver. Por un lado, Iolanda Veloso destacou que o goberno local leva anos enrededando con este tema, mentres por outro, a Xunta ocúpase de facer parches, como o traslado de dotacións como o Rexistro Civil, para o cal foi necesario modificar o regulamento do Consorcio do Casco Vello.
A portavoz nacionalista detallou os argumentos esgrimidos polo alcalde para xustificar o atraso ao longo dos anos. Así, lembrou que no 2009 a discusión centrouse en quen tiña que facer as expropiacións e o PP pediu que fose un proxecto supramunicipal. Cando na Xunta gobernaban PSOE e BNG, o PP pediu que fora a Xunta quen desenvolvera o proxecto, pero cando o PP chegou á Xunta pediu que fora o Concello, sinalou.
Está clara a falta de vontade política de PP e PSOE de desenvolver a Cidade da Xustiza, destacou Iolanda Veloso a respecto das respectivas posturas de populares e socialistas, e lembrou que o BNG sempre defendeu a colaboracións das administracións, independentemente de quen as goberne.
Avanzando no tempo, recordou que no 2011 o goberno municipal explicou o atraso na execución desta infraestrutura debido a que o proxecto elaborado pola Xunta non se axustaba ao PXOM de Vigo. E agora nos din que o proxecto xa está modificado e adaptado ao Plan Xeral, apuntou.
Modificacións da taxación
A portavoz municipal tamén fixo referencia a taxación mencionada polo alcalde e as sucesivas modificacións: en febreiro de 2011 cifraba a expropiación en 6 millóns; en novembro dese ano falaba de 20 millóns e agora parece ser de 4 millóns. A realidade é que non temos información clara por parte do alcalde, manifestou Iolanda Veloso.
Se o problema é que non había cartos, isto contradí o discurso do alcalde sobre a situación financeira do Concello, comentou, lembrando ademais a modificación de crédito aprobada hai uns meses para pagar as axudas a voos.