O BNG acusa a PP e PSOE de deixar caer o Porto de Vigo da Rede principal Transeuropea de Transporte
Ana Miranda denuncia a ineficacia do ministro socialista José Blanco e da ministra Popular Ana Pastor
Iolanda Veloso critica o silencio do alcalde e a súa falta de xestión co seu propio partido
A secretaria de Política Internacional do BNG, Ana Miranda, e a portavoz municipal, Iolanda Veloso, denunciaron que definitivamente o porto de Vigo queda excluído como porto nodal da Rede Transeuropea de Transportes. Segundo criticaron as nacionalistas tanto PP como PSOE deixaron caer o Porto vigués pola ineficacia do ministro José Blanco e da titular actual de Fomento Ana Pastor.
Denunciamos o enorme engano á cidadanía que teñen as actuacións dos sucesivos gobernos de PSOE e PP por non incluír o Porto de Vigo na rede principal de transporte, manifestou Ana Miranda, quen criticou asemade que o PP tampouco presionara o suficiente nos últimos meses para incluílo tamén nos trílogos.
Ademais de criticar que ambos gobernos deixaron caer o porto vigués da rede principal, Ana Miranda denunciou que agora xa non hai posibilidade de emendalo, posto que no plenario previsto do 18 ao 21 de novembro o procedemento pecha calquera posibilidade de votación. Segundo explicou, votaranse os acordos dos trílogos en bloque, no que o Porto de Vigo non está incluído, polo que as emendas decaerán automaticamente.
Aínda que PP e PSOE anuncien a presentación de emendas, isto será un engano, porque non se van poder votar, denunciou a secretaria de Política Internacional do BNG, quen lembrou que o Bloque sempre traballou para que o Porto vigués fora considerado nodal en Europa. Nós consideramos que Vigo ten que estar entre as principais redes, e non na secundaria, asegurou.
Traballo do BNG
Precisamente como mostra do traballo feito polo BNG ao longo destes meses, Miranda destacou que a forza nacionalista xa conseguira o apoio de 59 eurodeputados para potenciar a infraestrutura viguesa. Agora PP e PSOE que non digan que van facer lobby en Bruxelas cando xa non hai posibilidade formal de conseguir nada, indicou.
Ana Miranda lembrou asemade as advertencias feitas polo BNG o pasado ano sobre a necesidade de levar a cabo unha actuación de consenso na Eurocámara, polo que considerou que aquela foi unha oportunidade perdida polo desinterese de PP e PSOE.
Silencio do alcalde
A portavoz municipal do BNG, pola súa banda, lamentou que se perdera a oportunidade de obter para o Porto de Vigo a categoría de nodal e polo tanto de obter o financiamento correspondente, un un impulso fundamental á economía da cidade, segundo considerou. Neste sentido criticou o silencio do alcalde diante da discriminación de Vigo tanto por parte do PSOE como polo PP.
Agora o alcalde non defende o Porto, quizais porque xa non é o seu presidente. Está completamente calado e non consegue nada do seu propio partido, xa que hai que recordar que foi o goberno do PSOE o que excluíu Vigo da rede principal de transporte, subliñou Iolanda Veloso.
A responsable nacionalista lembrou que o alcalde impulsou considerar a Almunia como persoa non grata en Vigo pola decisión sobre a devolución do tax lease. Que pensa facer agora con González Laxe ou os eurodeputados do PSOE?, comentou ironicamente. Sobre este tema está absolutamente calado pese a que é unha pésima noticia para a cidade, criticou.