O BNG insta ao alcalde a non declarar Porto Cabral de interese público e impulsar o pequeno comercio
Carme Adán e Iolanda Veloso presentaron as iniciativas do no Parlamento galego e no concello para promover unha moratoria para a implantación de máis áreas comerciais
A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, e a deputada Carme Adán, presentaron as iniciativas do Bloque no Concello de Vigo e no Parlamento Galego Galego para evitar a instalación de novas superficies comerciais en Galiza, e de Porto Cabral en concreto. Non declarar este proxecto de interese público por parte do Concello, non concederlle a licenza comercial por parte da Xunta de Galiza, así como desenvolver medidas de estímulo á actividade do pequeno e mediano comercio, son algunhas das medidas que defenderon as responsables do BNG.
Iolanda Veloso explicou que o sector onde se situaría Porto Cabral, coñecido como Liñeiriños, ten asignado polo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) un desenvolvemento de tipo público polo sistema de expropiación, de forma que ten que ser o propio Concello quen inicie a expropiación. Ademais concretou que no caso da área do sector coincidente co Monte Veciñal en Man Común de Cabral deberá argumentar o principio de utilidade pública ou interese social prevalente e basearse nas posibles infraestruturas ou equipamentos que se realizarían neste sector como pretexto expropiatorio.
Declaración inxustificada
Nós consideramos que dada a actual situación económica e social da nosa cidade, a declaración de Porto Cabral como de interese público está absolutamente inxustificada e estamos radicalmente en contra, subliñou a portavoz municipal do BNG. Pola contra, segundo manifestou, as consecuencias para o pequeno e mediano comercio da cidade recomendarían exactamente o contrario.
Baixa ocupación
Nesta liña, sinalou que a saturación de grandes áreas comercias se reflicte nas súas elevadas porcentaxes de desocupación, que no Centro Comercial Praza Elíptica chega ao 50% e no Centro Comercial Camelias é do 37,50%. Trátase dun formato comercial cuestionado e xa en desuso nos seus países de orixe, destacou Iolanda Veloso.
A deputada nacionalista, pola súa banda, destacou que a este feito se suma o peche de 20.000 estabelecementos en Galiza coa destrución de 43.000 postos de traballo, que igualmente se pode comprobar nas rúas viguesas. Pensamos que o goberno galego debe facer unha moratoria na instalación de grandes superficies, afirmou.
Carme Adán destacou asemade que o BNG demanda a elaboración dun plano sectorial de equipamentos comerciais na Galiza, de xeito que permita ordenar a oferta comercial e a defensa do comercio de proximidade. Cómpre coñecer a ocupación das áreas comerciais de Galiza, defendeu.
Prexuízos económicos
As nacionalistas alertaron das graves consecuencias que tería a implantación de novas superficies comerciais, como a destrución de postos de traballo e graves prexuízos económicos no pequeno e mediano comercio. Neste sentido apuntaron que nesas áreas se concentran grandes empresas foráneas que deixan moi poucos beneficios no circuíto económico local, como acontecería no caso de Porto Cabral, promovido polo grupo de investimento estranxeiro, Eurofund Investments.
Cualificación urbanística
Que a clasificación do solo no PXOM sexa de uso comercial non implica que se teña que instalar unha gran superficie, manifestou Iolanda Veloso en resposta ás preguntas sobre a cualificación urbanística dos terreos. Segundo a fixa do Plan Xeral está claro que o proxecto ten que ser de interese público e a través de expropiación pública, aclarou.
Precisamente a venda do Monte Veciñal en Man Común de Cabral para a construción do complexo de ocio Porto Cabral non é posíbel, pese aos intereses en espallar esa idea, pois a ficha urbanística contempla a obtención dos terreos mediante expropiación forzosa.
Alternativa do BNG
Por outro lado, Iolanda Veloso salientou que a proposta do BNG radica en estabelecer as prioridades do sector. Así subliñou a pertinencia de desenvolver outras accións, como a instalación dunha plataforma loxística que permita potenciar Peinador como aeroporto de mercadorías. Para nós isto é unha prioridade e xa o solicitamos no Concello de Vigo, indicou.
E prioritario desenvolver Porto Cabral xa na situación actual tendo en conta o nivel de execución do Plan Xeral cando non se está desenvolvendo a vivenda protexida marcada?, comentou a portavoz nacionalista en resposta aos xornalistas.