Iolanda Veloso destaca que o premio ao CEIP Frián é o recoñecemento ao traballo prelomce do ensino
A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, asegurou que o Premio Nacional de Educación 2013 concedido ao colexio Frián de Teis significa o recoñecemento a unha forma de entender o ensino público prelomce. Na visita realizada a este centro educativo polo grupo municipal nacionalista, Veloso asegurou que o BNG quixo estar aquí para poñer en valor o premio concedido a un colexio público.
Iolanda Veloso destacou que, precisamente, esa concepción do ensino público consiste en que se valora a forma de traballo coas crianzas dunha forma moi afastada da reforma educativa que quere impoñer o PP. Valórase a solidariedade, a igualdade de oportunidades e atención aos nenos e nenas segundo as súas necesidades, explicou.
Pola contra, para o BNG a Lomce é unha lei baseada na segregación, ditada pola xerarquía eclesiástica, pola patronal do ensino privado e concertado, e polos sectores máis reaccionarios da dereita. Ademais, o Bloque considera que con esta lei o PP busca privatizar o ensino e obstaculizar o acceso universal á educación.