O BNG aproba en solitario a peonalización do Castro e a reapertura do depósito arqueolóxico
A petición do grupo nacionalista o pleno protestou contra a reforma da lei do aborto, coa ausencia do PP
O Bloque vigués acadou a aprobación, cos seus propios votos e a abstención de PP e PSOE, de peonalizar o monte de O Castro, agás para o acceso a entrada da fortaleza e ás vivendas e os servizos municipais situados na parte baixa. Queremos ir máis aló na recuperación da muralla que o derrubo do restaurante El Castillo, destacou a portavoz municipal do BNG na súa intervención en defensa da moción.
Diante das reticencias expresadas por PSOE e PP á eliminación do tráfico rodado e das prazas de aparcamento, Iolanda Veloso apuntou que a proposta nacionalista non se refire a un aparcamento público, senón a un monte e a uns parques. Para a portavoz nacionalista estas discrepancias débense ás distintas visións de cidade e lembrou que estes argumentos expresados tanto polo grupo socialista como polo grupo popular producíronse sempre que o BNG propuxo a peonalización do Calvario ou da praza da Independencia.
Por outro lado, Iolanda Veloso asegurou que este debate non se produciría se o goberno vigués fixera algo para mellorar a mobilidade na cidade. Precisamente o problema é que o goberno local non fai nada. Se houbera un transporte público no que se puideran levar as bicis e os coches de bebé non estariamos falando disto, criticou.
A proposta aprobada hoxe tamén inclúe a colocación dun chan axeitado nas zonas recuperadas para os peóns e habilitación de camiños para rutas peonís accesíbeis, así como o aproveitamento de espazos para construír unha pista multideportiva e outro espazo delimitado para os cans ceibos. Finalmente a iniciativa insta á reapertura do depósito arqueolóxico.
Protesta contra a reforma da lei do aborto
O Bloque votou en contra dunha moción presentada polo PP que reclamaba ao Concello, Xunta e goberno do Estado a elaboración de plans de igualdade e en contra da discriminación da muller. Non lle imos votar a favor de ningunha moción sobre igualdade, subliñou Iolanda Veloso, ao tempo que criticou que é propio Partido Popular quen acabou coas políticas de igualdade e o que está dicindo que as mulleres non temos capacidade para tomar decisións.
Precisamente esta moción debateuse despois de que o PP rexeitara participar na protesta en contra da modificación da lei do aborto en forma de minuto de silencio, ausentándose do salón de plenos. Deste xeito, a proposta formulada polo BNG foi aceptada polo goberno local e levada a cabo no transcurso da sesión en ausencia dos concelleiros e concelleiras do grupo popular.
Contra o repago sanitario
A respecto do resto de mocións presentadas, o BNG respaldou todas as inicitivas presentadas polo PSOE. Na referida ao repago para os fármacos que se dispensan nos hospitais, o concelleiro Santi Domínguez destacou que para o Bloque trátase dunha medida inxusta, indigna e cruel.
O BNG apoiou instar á Deputación a mellorar a urbanización da estrada Garrida-Valadares, demandar á Xunta de Galiza a cumprir os seus compromisos co atletismo vigués mediante a remodelación das pistas de Balaídos e reclamar a Xunta asumir o custo total do incremento do canon que Sogama pretende aplicar ao Concello de Vigo. Nos tres casos as iniciativas resultaron aprobadas por unanimidade.
Finalmente, o Bloque respaldou a iniciativa do PP que insta ao goberno municipal a abrir a piscina da ETEA e a poñer en marcha o campo de fútbol. Porén, abstívose na iniciativa que demandaba ao goberno local avaliar a situación das traballadoras dos centros cívicos, ao considerar que este non é o cometido do goberno local aínda que si debería telas recibido.