Veloso: É unha indecencia que o plan contra a crise e as bolsas de comedor estean sen executar"
O BNG critica que o alcalde non contestara no pleno ás preguntas presentadas por escrito sobre as emendas nacionalistas
A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, criticou a falta de vontade política do alcalde para executar o plan de compensación contra a crise, dotado con 3,2 millóns de euros, e a partida de bolsas para comedores escolares e libros, que conta cun millón de euros. Asemade denunciou que o alcalde non respondera as preguntas formuladas no pleno do pasado luns, referidas a estas dúas cuestións e a suposta instalación do barco de Bernardo Alfageme nunha rotonda de Coia, cando ten a obriga de contestar ao estaren presentadas por escrito.
O que máis nos preocupou foi a falta de resposta sobre a execución das bolsas de comedor, que o ronda o 50%, e o plan social contra a crise, que está a 0% e o único movemento foi unha redución de 250.000 euros, salientou a portavoz municipal nacionalista. E se é certo o que di o alcalde de que están en tramitación por que non nos contestou no pleno. Se non nos enteramos é porque o alcalde non dá a información, destacou.
A respecto do plan contra a crise, que ten como obxectivo conceder axudas ás familias para comer e vestir, Iolanda Veloso lembrou que eses cartos levan dispoñibles desde o 1 de xaneiro e aínda están sen investir e sen chegar ás persoas que os necesitan. E o goberno local non dá ningún tipo de explicación de por que isto é así, apuntou.
En referencia ás declaracións do alcalde, a portavoz nacionalista criticou que se referisen aos comedores sociais e que falara da complexidade da tramitación de partidas deste tipo. Non hai complexidade tal que xustifique unha demora semellante, reiterou a portavoz do BNG, especialmente cando en menos dun mes tramítanse modificacións orzamentarias para dar axudas ás aeroliñas. Asegurou ademais que existen departamentos no Concello que poden facer perfectamente esas tramitación, sobre todo ten do en conta as experiencias previas. Segundo apuntou, o verdadeiro problema consiste en que as persoas que necesitan os cartos para comer non lle interesan nada ao alcalde.
Falta de vontade
A voceira nacionalista criticou asemade que moitos dos pais e nais que precisan levar aos seus fillos aos comedores escolares aínda non teñen comunicado se contan con bolsa. O curso escolar comezou o 11 de setembro, como sabiamos todos, e había un millón de euros nos orzamentos para as bolsas, sinalou.
Neste caso mostrou o seu desacordo en que no pleno o alcalde falara dos comedores da Xunta. Nós no pleno non preguntamos polos recortes da Xunta nos comedores da Xunta, iso xa o facemos no Parlamento galego. Nós preguntamos no pleno de Vigo por que o goberno local non ten tramitadas xa as demandas para as bolsas escolares, aclarou.
Segundo denunciou Iolanda Veloso, tampouco se pode falar de complexidade na tramitación, porque nin se adiantou o inicio do curso escolar nin é un servizo que non existira antes. Pola contra, ao seu xuízo, do único que podemos falar é de falta de vontade política do alcalde.
Nesta liña defendeu que o alcalde non ten ningunha vontade política de axudar a quen máis o necesita tendo recursos para elo. Así considerou que ter dispoñibles nos orzamentos 3,2 millóns para o plan social contra a crise e un millón para as bolsas de comedores e libros e non executalos é unha indecencia e unha vergoña.
Tendo os orzamentos actuais sen executar a 30 de outubro é ciencia ficción falar dos orzamentos para 2014, afirmou Iolanda Veloso en resposta aos medios sobre o posible apoio do BNG ás contas municipais para o vindeiro ano. Agardamos que sexa certo o que dixeron que a finais de ano estará executado o 100% dos orzamentos, manifestou.