O BNG insta ao goberno a peonalizar O Castro, habilitar camiños e construír unha pista polideportiva
O grupo nacionalista pregunta ao goberno local pola execución do plan de emerxencia contra a crise e as bolsas para comedores escolares
Os concelleiros Santi Domínguez e Xabier Alonso avanzaron dúas das iniciativas que o Bloque vigués levará ao pleno da corporación, que se celebrará o vindeiro luns. Os nacionalistas explicaron que na moción o BNG defenderá a peonalización do monte de O Castro e no apartado de preguntas demandará información ao goberno local sobre sobre a execución do plan de emerxencia contra a crise e as bolsas para comedores escolares, dúas das emendas realizadas polo BNG aos orzamentos.
Aproveitando o derrubo do restaurante El Castillo, agora que o alcalde abandeira despois de rexeitalo, consideramos importante que se realicen diversas actuacións no Castro, destacou Santi Domínguez. Explicou que a proposta inclúe eliminar o tráfico rodado do monte, polo seu perigo e porque oculta a súa riqueza patrimonial, agás para o acceso á entrada da fortaleza, ás vivendas e aos servizos municipais situados na parte baixa.
O BNG tamén defende a colocación dun chan axeitado nas zonas recuperadas para os peóns e a habilitación de camiños para rutas peonís accesíbeis. Atopamos falta de sinalización e que hai camiños que poderían ser utilizados por todo o mundo unha vez remodelados e eliminados os chanzos, indicou.
Outras das actuacións propostas na moción que o Bloque defenderá no pleno consisten no aproveitamento de espazos para construír unha pista multideportiva, a habilitación dun espazo delimitado para cans ceibos e a reapertura ao público do depósito arqueolóxico do Castro.
Segundo salientou o concelleiro nacionalista, con estas actuacións podería modificarse a web do servizo de turismo do concello de Vigo, que ademais de afirmar que O Castro é o parque coas mellores vistas de Vigo sobre a ría di que Pode que te custe subir a pé ao Castro, pero a recompensa é inmellorable". (Ademais de corrixila e substituír o te polo che). Pensamos que son medidas fundamentais para mellorar un emblema da cidade como é O Castro, destacou.
Falta de sensibilidade
No vindeiro pleno faremos dúas preguntas relacionadas coa falta de sensibilidade do goberno local a respecto da difícil situación que atravesan moitas persoas, avanzou Xabier Alonso, quen salientou que precisamente foron dúas das emendas que o Bloque fixo aos orzamentos municipais para 2013.
A respecto dos comedores escolares, o concelleiro nacionalista destacou que grazas ao BNG aumentou considerablemente a partida para as bolsas. Porén criticou que a día de hoxe aínda hai moitas familias que que non levan as súas crianzas aos comedores porque están en lista de agarda e aínda non saben se terán bolsa. Queremos preguntar ao goberno local cando vai contestar a esta demanda social, indicou.
Sobre o plan de emerxencia contra a crise, cuxa emenda ascendeu a 3,2 millóns, Xabier Alonso considerou que é gravísimo que mentres o alcalde se preocupa por cousas secundarias aínda non estea executado este plan e que non lle preocupe que a xente que o está pasando mal non reciba ningunha axuda.
Todos os días chega xente á oficina do BNG que aínda non ten ningunha resposta a súa solicitude. Isto si que debería preocupar ao alcalde, subliñou o concelleiro. Queremos saber en que prazo se vai resolver a adxudicación desta axudas?, concluíu.